«Os lumes tiveron unha repercusión máis ambiental e ecolóxica que industrial»

V. Couto / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ALBERTO LÓPEZ

«O abastecemento de madeira de pino está asegurado, pero non por moito tempo»

20 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Vila Lameiro (1973) é docente de Enxeñería Agroforestal na Escola Enxeñería Fosrestal de Lugo. Dá clases dende 1999. Profesor en tecnoloxía da madeira vinculada ao deseño, industria do taboleiro, celulosa a de serradoiro, participará mañá (18.00 horas) no Foro Voz Pondal e Os Pinos. O futuro da madeira en Galicia, iniciativa que inaugurará o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco José Conde López, na Fundación Pondal (O Couto), e na que tamén intervirán como poñentes Luis García Fernández, director de Fonteboa; e José Manuel Iglesias Vilas, presidente do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia.

-¿En que baseará a súa intervención deste martes no Couto?

-Na evolución que sufriron as masas de pino. Non só nos últimos anos, senón nos últimos decenioss, e a perspectiva que podemos ter cara o futuro, sobre todo, de onde vimos. Trátase dunha cuestión clave porque cando falamos de xestión forestal non podemos falar dun horizonte de dous ou tres anos, ou dun cambio de produción dun ano cara outro. Falamos de moitas décadas, polo tanto a situación que temos hoxe é consecuencia das actuacións no monte dende hai moito. Comparar estas dúas situacións é previr o que pode ocorrer no futuro para a industria forestal e os beneficios que se poden sacar do monte de Galicia.

-¿Tivemos sempre claro en Galicia a relevancia do monte?

-Si. Dende o punto de vista forestal, as masas de pino que hoxe coñecemos, algunhas son, por así dicilo, non autóctonas, son especies introducidas, pero por estudos e restos polínicos somos coñecedores de que estas especies foron autóctonas hai xa moitos séculos, despois desapareceron e agora, incluso, reintroducíronse como e o caso do pino pinaster. A madeira de pino foi algo natural e asociado á explotación do monte.

-¿En que punto se atopa a industria agroforestal?

-A nivel de materia prima, abastécese de frondosa autóctona, eucalipto e pino. Durante decenios o pino foi a especie principal, pero agora xa non é así. Neste momento hai unha decadencia, unha baixada importante da oferta de madeira de pino, que se complementa con madeira de fóra. E, de forma paralela, existe un cambio de uso, fundamentalmente un xiro, que se vén consolidando dende hai tempo cara a madeira de eucalipto. Neste momento o abastecemento de pino está asegurado, pero non por moito tempo. Presentarei no Couto datos inventariados sobre a produción e venda de pino, que ofrecen unha baixada importante, non só desa especie, senón de calidade, de pino de trituración, serra ou chapa.

-¿Cambia algo a análise do monte e da industria forestal os incendios deste ano?

-É inevitable que nos foros os lumes sexan un tema recorrente. Con respecto aos lumes hai dous temas importantes. O rural galego convive, por desgraza, de forma cotiá, cos lumes. Pola outra banda, estes lumes, polas situacións que se dan de abandono de zonas agrarias e forestais, unido a temperaturas inusualmente elevadas, débenos facer máis previsores e propoñer algún tipo de iniciativa, dende o eido privado e das Administracións. Estes lumes non teñen, de por si, unha repercusión drástica no que é a oferta de madeira, porque o volume que ofrece Galicia é moi elevado e pode abastecer o mercado. Si que afecta a que esta madeira, en moitas ocasións, non sexa válida para a súa explotación industrial. Pero non toda este material queimado polas lapas estaba xa en período de corta, entón a súa influencia directa na industria non é tan importante como si o é no benestar forestal, na calidade das masas e, en xeral, no mantemento e sostenibilidade do monte en Galicia. Digamos que ten un impacto ambiental e ecolóxico máis forte do que ten a nivel industrial.

«Persiste a total ausencia dunha cultura da prevención en Galicia»

Pablo Vila especializouse na análise da madeira dende o punto de vista da xestión, «sen obviar as outras dúas, a social e ambiental».

-¿Estes incendios deben servir de reflexión sobre o futuro modelo de xestión da biomasa?

-Estes incendios o que demostraron é unha total ausencia da cultura da prevención. Unicamente vivimos da cultura da extinción. Problemas de base, como o tamaño da propiedade forestal, o abandono de terras agrarias e forestais, a ausencia de limpeza no monte na época na que se pode limpar... Son moitos factores aos que se logo se engaden épocas de seca e condicións puntuais de ventos dominantes moi fortes fan que o monte sexa un pasto das lapas como foi este ano. Certo é que a man existe, existiu sempre, e este ano foi importante. Estes lumes de outono non foron algo casual. Foi moi ben elixido, por desgraza, para facer dano e para que acadaran uns niveis desorbitados.

-¿Que papel debe xogar a Universidade no futuro modelo?

-Fixemos un manifesto dende o punto de visto técnico, que non político, de apoio ao cambio de prácticas. Dende a Universidade non temos capacidade de decisión, senón de recomendación, apoio técnico, de axuda dende os nosos coñecementos para facilitar que a xestión do monte sexa a mellor. Colaboramos con comunidades de propietarios sobre xestión e o mantemento, na posta en contacto cos sectores privados. Pero dende a Administración débense favorecer estes recursos preventivos. Está moi ben que a porcentaxe de lumes por hectárea sexa cada vez menor. O servizo de xestión de incendios en Galicia é moi bo pero debemos ir máis aló: que non haxa eses focos, polo menos, reducilos. E iso, ata o de agora, non o estamos conseguindo.