Hai xa vintetantos anos, e non estabamos preparados
CARBALLO
As rúas fóronse convertendo nunha exposición palpable do problema que estaba a arrasar toda unha xeración de mozos. Non estabamos preparados para o que de súpeto se nos veu en riba.
As rúas, hai xa vintetantos anos, toda unha vida, xa non eran seguras, comezaron as detencións, as condenas, as enfermidades, as mortes misteriosas, as desaparicións, os axustes de contas… A xente sinalaba aos consumidores como apestados culpables mentres que vías como certos personaxiños sen escrúpulos medraban socialmente con ostentación impúdica do seu rápido enriquecemento. Reinaba a fariña e tiñamos fillos, familia…
Había que organizarse, e iso non foi exactamente fácil, pero ao final conseguimos reunirnos un grupo de xente valente que estaba disposta a darlle a volta a aquela situación. Sentiámonos apoiados.
Había moito que facer, e fíxose: cursos e máis cursos de formación, procura de saídas aos drogodependentes que nunca eran fáciles, chamadas á porta das institucións, autoridades, Igrexa. Denuncias públicas ante os medios e os xulgados, procura de colaboración e coordinación entre as demais asociacións comarcais… Desgustos, ameazas, incomprensión… Axuda desinteresada de avogados, colaboración de xuíces, forzas de seguridade (con algún garavanzo negro polo medio), pontes coa Administración. Primeiros éxitos… e mesmo algún recoñecemento público. O problema persiste, pero dunha forma máis hipócrita.