«O Xograr fíxome rever a miña historia»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A 26.ª edición do FIOT carballés recoñecerá esta noite, no Pazo, a traxectoria de Mónica Camaño

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló polo mes de xullo, nun tempo de impás logo do percorrido con As do peixe e coincidindo coa estrea da obra Nacidas libres (Contraproducións), a actriz Mónica Camaño (Cangas, 1971) recibía a noticia da súa elección como Xograresa de Outono da 26.ª edición do FIOT carballés. Esta noite, ás 21.00, no Pazo da Cultura, recollerá o seu galardón. Será un outubro intenso, en tanto que tamén están comezando coa xira dese novo espectáculo de «temática gorentosa», a liberdade.

-¿Como lle sentou o premio?

-De primeiras, recíbelo cun pouco de susto, mesmo de rubor, tamén porque sabes que é un galardón votado por compañeiros, xograreses e xograresas, así como por Telón e Aparte. Logo dese corte inicial, dá tempo a reflexionar. As nosas vicisitudes como traballadoras na cultura, como creadoras, son tan precarias, irregulares en tempo e constancia, que mesmo parece que non tes unha perspectiva sobre o teu traballo, a túa carreira, o teu percurso. O Xograr de Outono fíxome ver que teño 46 anos e que xa levo 26 no mundo profesional, teatro, audiovisual... Supuxo asumir, en definitiva, o que es, rever a miña historia, por máis que esa precariedade, o xeito no que está desenvolvida a cultura neste país, fai que esteamos sempre nunha corda frouxa, na que parece que non te cres a vida que levas. Supuxo sumir, tamén, a responsabilidade como traballadora e como creadora.

-Traballou a carón de Vidal Bolaño, precisamente o primeiro Xograr de Outono, hai 15 anos.

-Recordábao estes días. O 11 de setembro do 2002 morría Roberto e de alí a un mes e algo foi recoñecido como Xograr. Acudín ao acto de entrega coa viúva e tamén con outros actores. Lembro aquela emoción, o orgullo polo recoñecemento e a tristura tan próxima da perda. Dende aí sempre mantiven a relación con Carballo, e co festival, aínda que sei que tamén fun antes, ao cine Rega. Esa relación fíxose máis cotiá, volvín con Teatro do Aquí, con Morcego, con Ningures... E se non é para actuar, é para ir ver outra xente que actúa. Hai que recoñecelo: á marxe da nosa profesión, e de como estea, o feito de que haxa un festival nunha vila, nunha contorna que non sexa cidade, incluso é máis aglutinador e dinamizador. Conecta xente, da zona e de fóra, e acaba sendo un puntal enriquecedor cara esa localidade. A maiores da cuestión teatral e do patrimonio cultural que xera, créanse outros lazos e outras realidades de convivencia: logo vas tomar algo, cear, mesmo dormes aí... É coma un retorno, algo a ter en conta por lugares e autoridades que non ven clara esa posibilidade de retroalimentación. Xérase comunidade activa. O festival carballés hoxe é un reclamo, un paraugas que existe, que está aí, só pode medrar.

-¿Que hai daquel teatro nacional galego do que falaba Bolaño? Hai moita xente facendo cousas...

-¡E cada vez máis xente! Temos unha escola de teatro dende hai uns anos: máis oportunidades, máis riqueza, máis xente formada... A maiores, estase creando público. Non obstante, aulas de teatro, escénicas ou de artes plásticas deberían estar incluídas nos currículos académicos. Nos sitios nos que si o está, se cadra non está sendo contemplado con toda a súa riqueza e potencial. Temos moitas compañías no país que traballan cara iso, e nese camiño a lingua é un piar básico, é o que nos constrúe. Falando de teatro nacional, penso que se nos referimos ao Centro Dramático Galego, a estas alturas case habería que dicir ¿u-lo? ¿Onde está? E máis nun ano coma este, no que se rompeu ese escudo que había cara non poder facer Valle Inclán nas outras linguas do Estado que non foran o castelán. O Centro Dramático abriu ese filón con dúas obras nun mesmo espectáculo, pero iso case foi superado pola compañía privada que estreou antes, a nivel de elenco. Supostamente íase facer unha montaxe máis, pero non se espera para este ano. Co cal vemos que o teatro nacional galego, ao longo dun curso, só vai facer unha montaxe, e iso é unha lacra para o desenvolvemento das artes escénicas do país. A cultura é o que nos diferenza como humanos, e se non está sendo impulsada e apoiada parece que queda nunha escusa para o desmantelamento. Falta acción. Para facer cultura, mesmo para a amadora, fai falta diñeiro, e xa non falo só de teatro.

-Recibirá o seu premio xusto antes da estrea dunha obra de Contraproducións. Noite especial.

-Certo, a obra tamén será para min unha sorpresa. Teño ese punto de nervios. Sendo espectadora, quero gozar, sentir envexa [ri].