Embarazados

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dos bicos e os abrazos veñen os embarazos, reza o noso rico e sabio refraneiro, e o embarazo español comezou o 23 de outubro de 1977 cando, dende o balcón do Palau de Sant Jaume, Josep Tarradellas dixo: «Citadans de Catalunya, ja soc aquí!». Con este regreso, Adolfo Suárez pretendía acalmar ás masas catalás anticipando o estado das autonomías que despois recollería a Constitución de 1978. Foi o abrazo do oso que logo manexou maxistralmente don Jordi Pujol durante 23 anos -por certo, moi ben recompensado co tropecentos por cen-, nada que ver co Estatuto de Galicia, que case no lo meteron con calzador para xustificar os de Euskadi e Cataluña, que tamén os andaluces reivindicaron alegando, con razón, ter aturado oito séculos a ocupación musulmá.

Pero, como na meirande parte dos embarazos, o máis complexo está no parto e a matrona aconsellou unha menciña chamada artigo 155, unha poción de efectos secundarios descoñecidos, pero non hai outra tan contundente, sendo o único antídoto do que se dispón na botica española. En todo caso, a cuestión de fondo está en se houbo a posibilidade de aplicar un remedio preventivo, un anticonceptivo axeitado ás quenturas que algunhas cabuxas hispanas viñan amosando.

Agora ben, esta rebelión catalá foi o mellor que nos podía pasar, xa que isto debe servir para reconducir o título oitavo da nosa Carta Magna. Os empresarios xa dixeron todo o que tiñan que dicir, que foi moito e decisivo. Agora queda por determinar se os políticos aprenderon o escarmento tendo en conta que o Estado das Autonomías foi un fracaso que cómpre reconducir.