«A poesía, igual que a luz, tamén é unha maneira de mirar a realidade»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

CARBALLO

ANGEL MANSO

O artista, que agora explora a literatura, presentará un libro inspirado na Costa da Morte

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que as súas orixes como artista plástico están firmemente arraigadas no campo da ilustración, Antonio Seijas (Ares, 1976), Premio Castelao de Banda Deseñada e Premio ao Mellor Libro Ilustrado de Galicia, está a abrir camiños completamente novos dentro da súa traxectoria. Camiños que transitan por ámbitos coma os da pintura e a fotografía. Un dos seus lenzos pode contemplarse estes días en Herrerías, en Ferrol, no marco da mostra sobre o Camiño Inglés a Santiago, que ten como comisaria a Cristina Carballedo. E proximamente verá a luz Damorte, un libro editado por Sial Pigmalión: un volume no que el é autor tanto do texto coma das imaxes, e no que dirixe a súa mirada ás cores e formas da Costa da Morte.

-¿E como será ese libro?

-Pois é todo o contrario do que é unha guía turística. Que ninguén espere ver un libro así. O que eu procurei é transmitir do xeito máis directo posible a miña particular visión desa terra e dese mar, e facelo dun xeito marcadamente metafórico, arredor dunha historia de amor e de perda. O texto é claramente literario, incluso diría que poético. A poesía, igual que a luz, tamén é unha maneira de mirar a realidade.

-E o texto do libro está en verso...

-Si, así é. Está en verso. Non foi algo premeditado, pero así quedou. Conforme ía escribindo, o texto foi tomando esa forma. A min sempre me gusta levar un caderno comigo, e cada día, conforme ía traballando neste proxecto, modulaba a súa propia voz. En realidade, case podería dicir que se foi facendo só. Hai algúns libros dos que en verdade se pode dicir que buscan o seu propio camiño. Foi algo que me sorprendeu a min mesmo, e incluso ao principio era estresante, porque non sabía cara onde quería ir o libro. Pero deixeime levar por el, e estou contento co resultado.

-¿Ten novos proxectos literarios?

-Penso seguir escribindo, deixando que as palabras veñan ao meu encontro. Aínda que iso non queira dicir, para nada, que lle vaia prestar menos atención ás artes plásticas. De feito, son cousas que se complementan. Sen ir máis lonxe, os novos proxectos nos que estou traballando no eido da banda deseñada quero que teñan tamén texto con ambición literaria, e dese xeito é como os estou escribindo

-¿Que tal lle vai coa fotografía?

-A fotografía empecei a facela como un elemento que me axudase no camiño da ilustración, pero despois seguín avanzando tamén nesa linguaxe. Un traballo co que estou moi satisfeito é a sesión que fixen con Luar na Lubre cando cumpliron 30 anos como formación musical. E cada vez estou máis interesado na fotografía, que serve para ver máis aló da evidencia.

-¿E a pintura?

-Para min, á pintura é unha maneira de estar en contacto co tanxible, con algo físico que me serve para expresar cousas novas.