Plan hidrolóxico

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Considerar que a climatoloxía de Galicia poida acadar os niveis da de Almería non deixaría de ser un conto chinés. Dende agora ata que comece o vindeiro verán choverá tanto como para que haxa auga de sobra en Breogán, de feito, e segundo comprobo en embalses.net, o nivel medio dos encoros galegos, con data 10-10-2017, é do 44.47 %, moi por enriba da media nacional. Cousa ben distinta son os ciclos que o cambio climático está impoñendo e que os meteorólogos e a comunidade científica deberán estudar polo miúdo para que os poderes públicos dispoñan das ferramentas axeitadas para afrontar esta nova situación.

Da mesma publicación e data extraín certos datos moi interesantes. Así, dos 35 embalses galegos que figuran no listado, a metade está por enriba do 50 %, sendo os nove con máis de 100 hectómetros de capacidade, a Fervenza de Mazaricos incluída, os que máis porcentaxe de auga acumulan, o 51,99 %, agás o de Belesar (Lugo) co 22,90 %, mentres que hai 11 co 35,10 % de media que van dende o Barrié de la Maza co 16,13 % ata o de Salas (Ourense) co 45,98 %, pero logo atopamos que os outros 16 encoros máis pequenos acumulan o 72 % da súa capacidade.

Con estes datos coido que non poden alarmarnos de que temos un problema de auga no país dos mil ríos que avaliou o gran Cunqueiro, senón de mil ríos mal organizados e isto require que os poderes públicos de Galicia tomen a hidroloxía en serio. Non hai fundamento rigoroso que xustifique que os gandeiros de Mazaricos ou os veciños de Xuño teñan deficiencias hídricas. O que se necesita é un plan hidrolóxico galego.