«Casares foi un renovador, sobre todo na narrativa»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Recoñecido sociolingüista e secretario dende hai anos da Real Academia Galega, Monteagudo abrirá hoxe unha nova xornada do Simposio Pondaliano falando sobre a figura de Carlos Casares

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como biógrafo contou cunha considerable vantaxe respecto a outros autores, pois a proximidade que manifestou con Carlos Casares permitiulle crear unha obra na que non só se amosa a faceta meramente profesional e literaria, senón na que tamén se presenta ao Casares persoa, amigo e compañeiro.

Doutor en Filoloxía Galega (1995), e autor da primeira obra biográfica de Casares, o sociolingüista Henrique Monteagudo inaugurará hoxe unha nova sesión do Simposio Pondaliano.

-¿Qué tal está funcionando nas librarías «Carlos Casares. Un contador de historias»?

-Pois está esgotado practicamente dende o verán xa. Aínda non sabemos se sairá unha segunda edición, xa que é un tema da editorial, pero esta primeira funcionou estupendamente.

-Moi bos resultados os acadados nestes meses, entón.

-O certo é que si. Dende que a presentamos, en abril ou maio, tivo sempre boa acollida e moi boas críticas. Pero, se son sincero, o que máis me satisfixo foi que se me achegase a xente a dicirme o moito que lle gustara o libro. Iso é o que máis me enchiu.

-Trátase dunha obra moi completa, pois non só vemos ao Casares escritor, senón tamén á persoa que se agochaba detrás do bolígrafo e o papel.

-Eu o certo é que non pretendía ir a grandes fonduras sobre a súa produción, senón máis ben sentar unha imaxe de conxunto. Para quen xa o coñecía, ler este libro significa afondar na súa figura. Pero, para aqueles que non o coñecen, é unha boa forma de ter unha primeira aproximación ou visión global.

-Para aqueles que non están moi familiarizados coa obra deste autor ourensán, ¿Cal diría que foi a súa principal aportación á literatura galega?

-El, máis que nada, foi un renovador, sobre todo da narrativa. El produciu algunha das novelas máis importantes da literatura galega do século XX. Aparte diso, ten tamén unha ampla obra -e de bastante relevancia- como ensaísta e tamén como articulista. Por último, tampouco hai que esquecer que foi un editor de relevancia, pois dirixiu Galaxia, e contribuíu á renovación literaria en Galicia, especialmente no que comprende aos xéneros infantil e xuvenil.

-Vostede coñecíao ben. Nese aspecto foille máis sinxelo crear unha obra que fose o máis representativa posible.

-Pois o certo é que si, tiven unha relación moi estreita con el. Primeiramente colaborando con Galaxia, a partir de 1985, na revista Grial e tamén na época que fun secretario do Consello da Cultura Galega, xa nos últimos anos da súa vida, que el era presidente. Ademais de todo o traballo que compartiamos, tamén mantivemos unha fonda relación de amizade.

-¿Que situación atravesa na actualidade a investigación lingüística do galego?

-Pois eu creo que se precisan de moitas máis iniciativas dese tipo, investigación no campo da sociolingüística e da didáctica do galego, para así darlle un impulso e promover o uso do idioma entre a xente nova, que é o campo que precisa de actuacións máis urxentes agora mesmo.

-A mocidade, en especial a residente nas cidades, non está optando por falar galego. ¿A qué se debe esta circunstancia?

-O que está a darse é un abandono total das xa de por si escasas políticas de protección da lingua. Non hai que responsabilizar á xente nova, pois eles non teñen culpa algunha en realidade. O noso idioma está desprotexido.

-¿É a diglosia aínda un fenómeno latente na nosa sociedade? ¿Seguen vixentes eses prexuízos respecto da usabilidade do galego frente ao castelán, ou mesmo do seu prestixio?

-A diglosia, en realidade, nunca rematou de superarse por completo. A marxinación histórica da lingua foi moi forte, pois xa no franquismo estaba moi estigmatizada. É certo que, dende os primeiros anos de autonomía, e ata primeiros deste século, foise recuperando bastante e chegouse a unha situación de bastante estabilidade. Pero nos últimos anos, non entendo por qué, leváronse a cabo campañas contra a suposta imposición do galego no ensino -que non era tal- e, dende entón, recuperáronse vellos estigmas e engadíronse novos prexuízos aos que xa había. Se xa antes se consideraba un idioma das clases baixas e do rural, agora hai que engadirlle que tamén parece selo dos nacionalistas. Esta situación pesou moito nos últimos anos sobre o galego e revitalizou vellos fenómenos, como pode ser a diglosia.