Cando deixei de camiñar, empecei a voar

MANUEL CANTELAR

CARBALLO

Ana Garcia

«(...) O deporte foi unha parte máis da rehabilitación, e axudoume a asimilar a situación e a defenderme (...)»

15 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi polo outono do 1990 cando a miña vida deu un xiro, pasei de ser fisicamente unha persoa camiñante a un bipedestante pasivo, como me denominaban no hospital. Estache ben o conto, dicía eu. Lémbrome que no cabeceiro da cama do hospital tiñamos un cartón coas tarefas básicas da vida diaria: asearse, comer, vestirse, camiñar, etcétera. E, segundo os progresos de cada paciente, púñannos adhesivos de cor verde, amarelo ou vermello se non eras capaz de facela. Eu propúxenme poñelas todas en verde, pero a de camiñar non foi posible, así que iniciei a miña vida dende unha cadeira de rodas.

Aos 6 meses no hospital tíñalles que sacar rendemento, así que no ximnasio adestraba moi duro e xa aí tiven o primeiro contacto coa que foi a miña paixón no deporte: o baloncesto en cadeira de rodas.

Mediante un permiso do xefe de planta, todos os martes ía a Culleredo a adestrar co equipo Nós Culleredo. Cando me deron a alta en maio do 1991 xa era un membro máis do equipo e á semana da alta fun co equipo xogar un torneo de catro días a Francia, torneo que gañamos, e que lembro de maneira especial polo meu debut en pista.

Logo, en setembro, comezou a liga en segunda división e gañamos todos os partidos, e na fase de ascenso pasamos como campións e ascendemos á División de Honra, un logro impensable, pero froito do traballo e a dedicación. Dende 1992 ata 1999 estivemos na máxima categoría a nivel nacional recorrendo toda España.

Sempre que me preguntan que beneficios aporta o deporte a unha persoa con discapacidade digo o mesmo, para min foi unha parte máis da rehabilitación e axudoume moito en poder asimilar a situación e defenderme sen depender de ninguén, nin de nada máis que a miña cadeira.

No ano 1999 desafortunadamente desaparece o Nós Culleredo, e paso un ano en branco sen facer deporte, pero no 2000 anímome e ingreso no equipo Basketmi Ferrol, que naquel momento, por falta de xente non competía en ningunha liga e só adestrabamos.

Ía dous días á semana a Ferrol, gozaba do basket e dos compañeiros, e empezou a forxarse unha gran relación entre eu e o Basketmi. Sempre fun moi respectado nas pistas tanto dentro como fóra, tiña fama de leñero, pero tamén aguantaba cando as recibía.

Na temporada 2002-2003 comezamos a competir na terceira categoría nacional sendo catro amiguetes, e conseguimos ascender á segunda categoría. Aí botamos ata a temporada 2014-2015, na que conseguimos ascender á máxima categoría a nivel nacional. Este ascenso recórdoo con moita emoción, por ser máis recente e tamén por empezar dende a nada e lograr subir ao máis alto con xente só de Ferrol e arredores. Os estranxeiros eramos eu de Carballo e un compañeiro de Ourense.

Os equipos xa eran moi fortes a foi moi duro ascender. A primeira temporada 2015-2016 conseguimos aguantar a categoría dado o noso limitadísimo presuposto e o formato de liga con fase de descenso na que trouxemos ao mellor xogador de Brasil e conseguimos a permanencia.

Na segunda temporada 2016-2017 xa o formato foi de liga regular e con só 50.000 euros (o segundo que menos presuposto tiña dobrábanos a nós) estivemos a punto de salvar a categoría ata o último partido, pero non foi posible. Nesa campaña exercín de xogador-entrenador e ao seu remate decidín retirarme.

Retireime porque a familia pesaba xa máis na miña cabeza que o deporte, foron 27 anos dedicados ao baloncesto e chegoume o momento, así o sentín. Do que máis orgulloso estou é da escola de baloncesto do Basketmi. Empezaron con nós varios xogadores que agora trunfan en toda España, e un en Italia. E este ano que eu abandonei síntome moi orgulloso de ver que seguen sendo 12 na plantilla e hai caras novas, ata un rapaz de só catro anos que xa debutou. Estas cousas son as que fan grande ao Basketmi Ferrol, e que eu me sinta moi orgulloso de ser partícipe. Agora estou moi centrado na agrupación Un Paso Máis, onde nenos e nenas con diversidade funcional gozan do deporte e tamén é un camiño para a inclusión plena, estou moi orgulloso dos rapaces e cada día aprendemos algo deles, xuntos imos voar.