«Pondal transformou a idea teórica de Murguía e deulle alento poético»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Ramón Villares abrirá hoxe a segunda xornada do Simposio, acompañado de Antonio de Toro

10 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación que garda este lugués coa aldea de O Couto é tan estreita que nin el mesmo sabería dicir con precisión en cantos actos da Fundación foi xa partícipe: «Creo que a primeira vez foi no ano 1998. Despois estiven algunha vez coa Academia (RAG) cun texto que, precisamente, dediquei a Pondal e tamén cando fun nomeado Bo e Xeneroso». Hoxe Ramón Villares Paz (Cazás, Xermade, 1951) abrirá a segunda xornada do Simposio Pondaliano compartindo mesa redonda con Antonio Raúl De Toro, catedrático da Universidade da Coruña.

-¿De qué falará hoxe?

-Farei unha presentación xeral do que é o celtismo e a súa asunción por parte de Pondal, así como tamén incorporarei unhas notas do que é o celtismo bretón. Agardo que o meu compañeiro, Antonio de Toro, que é máis experto en estudos irlandeses, se centre en maior medida no caso deste país anglosaxón.

-¿Cal é o papel que xoga o celtismo no desenvolvemento da cultura e tradición galegas?

-O celtismo foi un factor definitorio da identidade galega. Foi, ademais, unha das grandes aportacións de Murguía, aínda que hai que dicir que o fixo nunha situación de relativa soidade, pois non chegou a conectar cos expoñentes europeos. Foi todo un mérito: acoller en España a idea do celtismo e transformala en idea motriz da propia identidade galega, iso sen ter demasiada conexión co mundo atlántico, máis que de carácter literario e retórico.

-¿En qué medida é Pondal un axente necesario neste proceso?

-Pois, para min, Pondal foi o autor que realmente transformou a idea teórica de Murguía e lle deu alento poético. Ningún dos outros grandes do Rexurdimento se pousaron neste asunto, senón que tiraron por vías máis populares, sociais ou de combate. A poesía pondaliana foi realmente de busca dun pasado heroico para ter un futuro mellor, digno do seu pobo. Esa é a grandeza de Pondal. El fai unha literatura adaptada a un pobo que ten que redimirse a si mesmo: ten moito de heroica e tamén moito de patriota. Pode apreciarse perfectamente na súa gran contribución á literatura galega: o himno, que reflicte toda esta temática e no que non só fai referencia aos referentes positivos (os bos e xenerosos), senón tamén aos negativos (imbéciles e escuros).

-Volve ao Conto unha vez máis, tras ser recoñecido como Bo e Xeneroso hai apenas cinco meses.

-O que me asombra deste lugar non é soamente a Fundación, senón a gran acollida popular que teñen todos os actos que se celebran. É unha marabilla que se poidan dar este tipo de solucións comunitarias ante actividades que, en certo podo, se poderían tildar de singulares, ou mesmo de elitistas nalgúns casos.