«Déixoo con moita pena, porque me aportou moitísimas cousas positivas»

Verónica Couto / Marta López CARBALLO / LA VOZA CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Despois de dous intentos fallidos, Adro enfronta a súa terceira asemblea, na que tentarán buscar unha nova directiva

12 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi en 2015 cando Olga Mouro Ares (Santa Comba, 1978) chegou a presidir Adro. Dábase por aquel entón unha situación semellante á que a entidade está a atravesar na actualidade: ninguén se postula para formar nova directiva. Hoxe celébrase a terceira asemblea do verán convocada con ese fin.

-Unha vez máis, a asociación cultural Adro enfróntase e un preocupante baleiro de poder.

-Esta problemática vense dando en moitas asociacións na última tempada: as directivas renóvanse con xente que xa formou parte doutros equipos anos atrás. Debe ser un problema a nivel xeral, de todas as asociacións porque se repite constantemente.

-¿Ten esperanzas de que alguén se anime hoxe a tomar o relevo?

-Si, agardo que si. Quero pensar que ten que aparecer alguén que teña tempo para dedicarlle á asociación. Non fai falta moito máis, xa que coa axuda de todos as cousas sempre se levan mellor.

-¿Qué sucederá no caso de que ninguén asuma a responsabilidade?

-Pois en vista de que nas últimas asembleas non aparecía ninguén que se postulase, estivemos consultando os estatutos e informándonos nunha xestoría. Hoxe levarase a unha persoa que explicará o procedemento a seguir no caso de que non apareza ninguén, pero quero pensar que si aparecerá na asemblea de hoxe.

-É importante que os socios saiban cal será a situación e os pasos a seguir a partir de agora.

-Non é unha situación que realmente chegase a darse nunca porque os relevos sempre se foron tomando en tempo. Por ese motivo temos que levar a unha persoa experta, que saiba como proceder nestes casos.

-¿Cree que alguén se animará no último momento?

-Eu creo que si. Xa a última vez, cando a collemos nós, pasara unha cousa parecida. Eu creo que a xente agarda ata o último momento, ata que os demais se adianten e se postulen primeiro. Sería unha verdadeira mágoa que se perdesen todas as actividades que se están realizando.

-Hai cursos, obradoiros e multitude de actividades que correrían serio risco de cancelarse.

-O máis preocupante é que temos un profesorado contratado que leva moitísimos anos connosco e que, en caso de que non siga adiante, terían que buscar outro sitio para traballar. Temos 123 rapaces matriculados en clases tradicionais, que son as que se desenvolven durante todo o ano, que quedarían sen docentes e tería que desprazarse a outro lugar. É unha mágoa, porque o número de matrículas viña medrando nos últimos cursos.

-Hai dous anos que decidiron tomar as rendas da asociación, con moita ilusión, pero tamén conscientes de que é un labor que require de moito tempo e esforzo. ¿Tanto como para que ninguén queira facerse cargo?

-A xente non debería terlle medo, non é ningún imposible. Eu, despois de dous anos, déixoo con moita pena porque me aportou moitas cousas positivas o feito de facer algo polos demais. Non é só traballo, tamén hai cousas boas.

-Precísase de moito tempo e, en especial, cando un forma parte de máis dunha entidade.

-Nós, concretamente, estamos en catro. Chega un momento que tes que tomar unha decisión e deixar algo atrás, porque non tes tempo material para atender a todo. Eu tamén teño dous fillos e teño que atender tamén ás súas actividades e necesidades.