«Estannos a pedir os mapas turísticos da comarca tamén desde os concellos limítrofes»

José Antonio Vila participou en «VOces do Agro»


carballo

O GDR Costa da Morte publicou un mapa cos recursos turísticos da comarca que terá unha segunda edición porque é moi demandado. O xerente José Antonio Vila estivo onte en Voces do Agro, en Radio Voz Bergantiños, falando das últimas actuacións realizadas.

-¿Aprobáronse xa os proxectos deste ano?

-Fíxose a primeira resolución por proxectos que se presentaron na convocatoria que rematou o pasado 31 de marzo. Tiña que resolverse en xuño, pero como Agader non puido facelo, houbo que agardar ata agosto. Aprobáronse oito proxectos produtivos cun investimento de 2.582.000 euros e 716.000 euros de subvencións. Tamén implican o compromiso de crear 24 novos empregos e a consolidación de 17 que xa estaban. Hai variedade de propostas

-¿Que tipo de iniciativas se presentaron?

-Hai un centro de día, un ximnasio con spa, dous campamentos turísticos, unha carpintería de PVC e outra de madeira, unha oficina de enxeñería e unha empresa de fabricación de abono ecolóxico. Ademais hai outros proxectos agardando, porque os cartos non chegaron para todos.

-O certo é que son proxectos do máis diverso.

-Si, e que no rural non só entra o tema agrario, hai moitas máis cousas.

-A política europea vai precisamente por aí, pola diversificación.

-Neste período, do tema agrario é case do que menos podemos subvencionar porque hai outras liñas de axuda a través da propia Consellería de Medio Rural e o programa Leader desde sempre non foi só turismo rural, como moita xente pensaba, nin gandería ou horticultura, senón calquera tipo de actividade que hai no rural, desde carpinterías a ximnasios.

-Xa non é o primeiro programa europeo deste tipo na zona.

-No tocante ao Leader houbo Leader, Leader 2, Leader Plus, Leader 7-13 e agora este, Leader 14-20, que empezou con anos de retraso

-¿Haberá unha ampliación?

-Normalmente si. En ocasións anteriores puxéronse dous anos máis e esta vez, se poñen máis fondos, pode chegar ao 2023.

-¿Segue aberto o prazo para presentar proxectos?

-Si, se poden presentar proxectos desde o principio deste ano ata o 2020, en calquera época do ano. O que pasa é que hai que presentar unha solicitude de axuda antes de comezar ningún tipo de obra, porque se pide una acta de non inicio. Pode haber dúas convocatorias anuais, unha antes do 31 de marzo, para aprobar en xuño e, no caso de que sobrasen fondos, unha segunda, dos que se presentaron antes do 31 de maio. Se non sobran cartos, os proxectos van á convocatoria do ano seguinte, porque poden presentarse dúas veces, matizando que van por anualidades.

-Tamén fixeron un novo mapa turístico da zona

-É un mapa guía onde por una cara é común para os 17 concellos que constitúen agora o GDR Costa da Morte e que coinciden co xeodestino. Polo outro lado hai un por cada concello, que leva temas de patrimonio, de festas o puntos emblemáticos.

-¿Cantos exemplares sacaron?

-Fixemos unha primeira tirada de 51.000 e vaise facer outra bastante maior,

-Un mapa por cada dous habitantes...

-Non é para os habitantes, que xa coñecen o territorio, senón para a xente de fóra, para que o poida descubrir.

-É unha aposta forte.

-Si, pero é que son moitos concellos e vén a tocar a 3.000 para cada un deles, que non é moito. Ademais hai moita demanda. Estannos a pedir mapas turísticos da comarca tamén desde os concellos limítrofes, como Muros ou Arteixo. Se os temos estámoslles a pasar. Tamén temos un vídeo promocional da zona que está colgado en You tube.

-Agora só hai un GDR

-Antes había dous grupos. En Galicia pasaron de 31 a 24 e xuntáronse os dous que había nesta zona.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Estannos a pedir os mapas turísticos da comarca tamén desde os concellos limítrofes»