«No 2011 deixei as oficinas e centreime na artesanía e no traballo coas mans»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Cedida

Este mozo vimiancés lanzou a súa propia marca de gafas de sol elaboradas con coiro

05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A ambición e o desexo de cambiar de vida dirixiron a Manuel García (Bamiro, 1981) ao eido da artesanía. Só outros tres talleres no mundo fabrican produtos similares ás súas lentes de sol elaboradas con coiro e, ademais, con coiro de animais que non foron sacrificados pola súa pel. Na actualidade, exporta para Reino Unido e estuda abrir mercado en Xapón e Australia. Colabora tamén con deseñadores recoñecidos internacionalmente, como é o caso de Christian Louboutin.

-¿Como xorde este proxecto?

-Eu en realidade estudei ADE e traballei no campo do marketing, nunha empresa de publicidade e, máis tarde, nun negocio familiar. No 2011 deixei as oficinas e centreime na artesanía e no traballo coas mans. Primeiro como escultor e despois, tras romper unha muñeca, probei a traballar o coiro. Despois de levar xa un tempo con ese material e facer algunha cousiña para peregrinos en Compostela, empecei a darlle voltas á cabeza e ocorréuseme probar coas gafas de sol, xa que o coiro é un material bastante resistente. E así comezou, xa en 2013, este proxecto.

-Pero non percorreu todo este longo camiño en solitario.

-Non, foi en 2015 cando atopei un socio e formamos unha SL. Nese momento puxémonos a deseñar mellor o produto, e con máis detalle. Na actualidade estou eu só levando a empresa, dende hai uns meses, e estamos preparando a rede de distribución. Imos pouquiño a pouco.

-Están aínda despegando.

-¡Estamos aínda na pista de aterraxe máis ben! Pouco a pouco. O produto está gustando moito, polo que imos vendo. Agora estamos empezando a mover as gafas no estranxeiro; máis que en España. Non sei se é porque á xente lle parece un produto caro ou porque non se lle dá moito valor á artesanía. O certo é que en 2016 probamos cunha pequena rede de distribución en ópticas, pero non deu tan bo resultado como no Reino Unido.

-¿Onde ten o taller artesán?

-Por dentro, nos paquetiños, pon Compostela Factum, pero realmente o taller movino. De Santiago movino para Alacante, que era onde residía o meu anterior socio; e de aí funme para un edificio da Piroga, en Baio, que é onde fabrico na actualidade. Cando o volume de traballo e de pedidos é moi alto, colaboro tamén con outros talleres artesáns.

-¿Canto tempo pode levar fabricar un par de lentes de coiro?

-Entre que a cola cura e demais, pode levar de dous a tres días a montaxe dun par de gafas. Levan unha alma elaborada cunha aleación especial de metal. Para algunhas cousas empregamos unha cortadora de láser, xa que requiren moita precisión; pero a forma da gafa faise a man, e tamén se cantea de xeito artesanal.

-¿En que proxectos está traballando na actualidade?

-Pois agora mesmo temos pendentes os prototipos para Christian Louboutin, o deseñador de calzado, co que teremos unha colaboración proximamente. Tamén estamos traballando cunha marca de sandalias de luxo en Dubai, baixo a que comercializaremos uns deseños nosos.

-Iso sempre dá un caché.

-Anímate moitísimo. Que o responsable de fabricación de España presente o prototipo en persoa ao director creativo de Christian Louboutin, e que lle guste e queira continuar co proxecto é moi ilusionante. ¡Hai que ter en conta que só son un rapaz nun garaxe facendo gafas!

-¿É posible vivir da artesanía?

-Eu inténtoo, polo menos. ¡Vivo daquela maneira, pero vivo! Tiven que renunciar a moitas cousas para seguir con este proxecto e darlle durante moito tempo á cabeza para pensar novas ideas.

-Horas de esforzo e sacrificio.

-Hai que moverse moito e, sobre todo, dar a coñecer o produto, para que guste e a xente se interese por el. Eu creo que é algo que pasa con todos os novos negocios: ou tes moitos cartos na conta, ou te moves para que teña os resultados esperados.