O cuarto encontro Aldeas Singulares e a tarde de regueifas, entre as propostas para hoxe

La Voz

CARBALLO

monica ferreiros

Haberá actividade mañá e tarde

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A de onte foi unha xornada de memoria. Memoria de Parga Pondal, memoria con Omar Rabuñal, memoria das lavandeiras con Daboapipa. Memoria, tamén, da lingua propia e as súas conexións, con Uxía e João Afonso. Hoxe seguirá a memoria, mais tamén, e sobre todo, a procura de futuro para a cultura e o medio rural.

A sesión matinal na Fundación Pondal estará dedicada ao cuarto Encontro de Aldeas Singulares Ese pobo renace, resurxe, non morre. Como vén ocorrendo nas anteriores edicións, haberá un papel de experiencias do que ir tirando ideas. A recuperación feita en Fornelos da man da asociación veciñal, o potencial da agricultura ecolóxica, a recuperación de oficios tradicionais, o festival audiovisual Fouciño, exemplos de restauración e ocio dende un entorno local, a iniciativa Eu Son Mazaricos, a maneira de vivir da hostalería ao pé do Camiño, o Inverno Ancestral de Senda Nova, as experiencias educativas do CRA Nosa Señora do Faro, o proxecto Teño unha horta en San Sadurniño, ou o dinamismo dunha entidade como Neira Marcos, ademais de profesións ligadas á terra, como a gandeiría, serán algunhas das ramas que se poidan tocar. Entre as 10.00 e as 14.00 horas, polo tanto, as aldeas máis singulares toman a palabra.

Domingo Blanco

A memoria e o futuro serán asimesmo conceptos a ter moi en conta na Cova Céltica que, das 16.00 en adiante, reunirá a regueifeiros e regueifeiras de Bergantiños. Xente nova, talento que vai vindo, como Lupe Blanco. Ela leva a pensar que aquela tradición oral na que tanto se destacou aquí seguirá pervivindo ao longo dos anos, herdada polas xeracións. Con eles estará hoxe un dos maiores estudosos da regueifa e, particularmente, a persoa que quizais mellor estudou tal arte dialéctico nesta comarca: Domingo Blanco. Unha Cova Céltica, por tanto, que tamén pon en valor o identitario.

10.00-14.00 horas

Aldeas Singulares. O cuarto encontro de Aldeas Singulares permitirá coñecer experiencias de dentro e fóra de comarca. ¿A idea? Buscar un xeito de que os pequenos lugares non morran. Hai cuestións a poñer en común.

16.00 horas 

Cova Céltica: regueifa. Encontro de regueifeiros e regueifeiras, algo no que Bergantiños tivo sempre moito que dicir e contar. Con eles estará Domingo Blanco, o maior estudoso desta tradición oral na terra de Bergantiños.

19.00 horas

 As Vésperas. Obradoiros de treboada e posterior pasarrúas, coordinados por Oli Xiráldez. No Quinteiro. A tarde ten reservada tamén unha clase maxistral do debuxante Luis Dávila, ben coñecido polo seu humor apegado a terra. Xa Era Hora seguirá levando a festa polas rúas, poñéndolle música a unha aldea enteira.

23.00 horas 

Carlos Blanco. Noite de humor. Carlos Blanco é un dos vellos coñecidos desta festa e hoxe volverá á Casa dos Veciños para facer rir á xente coas súas historias.