«A música foi do máis importante que me pasou»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía SAN CIBRAO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MIGUEZ

Sito Sedes, histórico de Los Satélites, presentará o domingo o seu disco «Nostalxia» en San Cibrao

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Necesito cantar», publicaba o pasado día 14 Sito Sedes (Piñeiros-Narón, 1946) no seu perfil de Facebook. Este domingo, día 21, cantará. E vai ser en San Cibrao (Cervo), presentando o seu disco Nostalxia, xunto con máis mariñáns protagonistas. Sedes é coñecido polo seu paso por unha das orquestras máis relevantes que deu a historia musical en Galicia, Los Satélites, coa voz do mítico Pucho Boedo nunha das súas etapas, cun disco de ouro coa discográfica EMI e moitos premios e recoñecementos, un deles o de ser a coruñesa a orquestra de España máis solicitada.

-A súa principal etapa musical foi en Los Satélites.

-Estiven en Los Satélites 14 ou 15 anos ata que aos 32 me xubilei profesionalmente desa etapa. Si... pero agora estaba na casa e tiña ganas de facer un disco para min, coas cancións que a min me gustan como os boleros (Nosotros, Contigo aprendí...). Tamén teño un tango. A verdade é que estou moi contento. Empecei con 200 unidades e agora xa van vendidos 1.200 discos.

-É dicir que era algo que quería facer por satisfacción personal.

-Si, para min era unha satisfacción persoal. En canto metín tamén a miña filla, Montserrat, a cantar comigo xa era algo para o recordo. O primeiro tema regaloumo Xoel López, El humo de tus besos. O outro fillo que teño, Carlos, é director de series como Velvet, agora está empezando outra, Fariña, tamén Las chicas del cable...

-Hoxe [por onte] é o Día das Letras Galegas. ¿Como o vive?

-Pois saín da casa para vir a Arteixo para ver se había algo, pero non había nin xente...

-Contou antes que aos 30 máis ou menos se «xubilou» da música. ¿Cal foi a razón de peso?

-A razón é que eu chegara a unha idade en que xa vía o escenario como un perigo, na que xa viña a orquestra espectáculo e iso eu nunca o entendín. Respéctoo, pero é algo que non o fago. Despois, entrei na TVG.

-Quedaríalle logo unha espiña.

-A música foi do máis importante que me pasou na vida. Agora que pasa o tempo estou moi agradecido de poder ter participado nunha orquestra como Los Satélites, que foi moi importante e respectada. Hoxe en día boto de menos esa orquestra. Hai un mes fun cantar con eles en Oleiros, e non vexas o ben que o pasei e paso! Aínda teñen gardado o meu repertorio. Aparte, mímanme e cóidanme. E unha vez que subo ao escenario, a forma de tocar é igual, teñen ese selo.