«O importante é que se dean conta de que son protagonistas da súa vida»

verónica couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

Proxecto Home leva traballando contra as adiccións dende hai xa 27 anos e dispón de 9 centros por toda Galicia. Ramón Gómez é o seu director

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Proxecto Home ten unha traxectoria de máis de 25 anos de traballo axudando a moitas persoas a superar adiccións e poder reinsertarse na sociedade. O seu director en Galicia, Ramón Gómez Crespo (Xinzo da Costa, Maceda, Ourense, 1952), explicou en Radio Voz as claves do seu labor, no que o medio ambiente tamén está presente.

-¿Que traballo fan dende Proxecto Home?

-É un centro de rehabilitación e reinserción social de persoas con algún tipo de problemática de adiccións. Fomos avanzando e hoxe temos programas moi diversificados e traballamos todo o amplo espectro do que son as adicións, nas que son a sustancias pero tamén as adiccións comportamentais, que non dependen de unha sustancia.

-¿Cantos centros teñen en Galicia?

-Temos centros en todas as grandes cidades de Galicia, en algunhas con dispositivos tendo en conta a súa configuración. Por exemplo temos centro de rehabilitación especializada en alcoholismo en A Coruña. Na provincia de A Coruña temos tres dispositivos onde se desenvolven distintos programas; en Lugo un, en Ourense dous e en Pontevedra tres. Está así cuberto todo o territorio entón facilita o acceso a todas as familias, por iso fixemos o esforzo.

-Falabamos de que se foi mudando tamén as adiccións que se tratan, foi avanzando coa sociedade.

-Si, a razón de ser pola que se puxo en marcha Proxecto Home Galicia foi porque na década dos 90, e incluso antes, era unha desfeita e había unha necesidade grandísima. Pero un centro de rehabilitación ten que estar moi atento sempre e estar moi aberto ás necesidades que van chegando. E así fomos deseñando a diversificación de programas terapéuticos. Pouco a pouco fomos abrindo distintos programas. Temos que ir adecuándonos e ser un instrumento de transformación. Temos programas para mulleres embarazadas, programa de alcoholismo, programas para tratar adiccións ás novas tecnoloxías, ao uso indebido de Internet...

-¿Para cada programa empréganse métodos diferentes?

-Hai un tronco común para todos e logo cada programa atende especificamente ao perfil da persoa que está en tratamento.

-As familias teñen un papel fundamental. ¿Como é o trato con elas dende Proxecto Home?

-É un dos piares, xa o poñemos en valor dende o primeiro momento. É máis, non se admite a ningunha persoa sen poñer en coñecemento a problemática no entorno familiar máis próximo. Todos eles xogarán un papel fundamental na rehabilitación. Hai tamén un área de terapia familiar, para axudar a isto. Cando non hai familia tampouco renunciamos a este piar, construímos o que se chama núcleo referencial afectivo.

-¿Que papel ten o medio ambiente en Proxecto Home?

-O noso proxecto é un proxecto esencialmente educativo. Formamos as persoas durante o proceso de rehabilitación en adquirir coñecementos que faciliten a súa inserción laboral de cara ao futuro. A aposta medio ambiental mantémola dende o mesmo comezo, tendo en conta tres aspectos fundamentais. Moitos cidadáns respectamos moi pouco o noso entorno, onde vivimos.

«O respecto polo medio é un valor que a persoa ten que ir incorporando ao seu proxecto vital»

O medio ambiente é protagonista no día a día dos centros de Proxecto Home, onde distintas persoas fan fronte a adiccións diversas.

-¿De que accións concretas falamos?

-Falamos dunha aposta medioambiental de respecto ao medio natural onde desenvolvemos as actividades, porque creemos que é un valor que a persoa ten que ir asumindo e incorporando ao seu proxecto vital. Na comunidade terapéutica apostamos en distintos momentos por distintas cousas. Dende a recuperación dos propios medios naturais, unha recollida do lixo selectiva, creamos un horto ecolóxico, creamos unha minipiscifactoría, etcétera. Apostamos por participar tamén no Proxecto Ríos... En definitiva, intentamos transmitir que somos suxeitos activos e que podemos contribuír de xeito favorable ou desfavorable á sostenibilidade do medio ambiente. Isto hai que aplicalo na vida diaria de forma sinxela. Isto todo tamén levou consigo unha transformación institucional, mudando o xeito de abastecernos de enerxía por exemplo. Lévanos a unha nova cultura de ver a vida de forma distinta, de darnos conta de que nós como cidadáns podemos implicarnos nun proxecto construtivo dende o primeiro momento, consumindo racionalmente a enerxía ou a auga, por exemplo. O importante é que os rapaces e rapazas que están superando adicións entren nunha nova dimensión, que lle encontren sentido a súa vida e ademais vexan que son protagonistas dela de forma construtiva, esa é a nosa loita.