A corrupción e as maseiras

Ramón Vilar Landeira FÓRA DE COBERTURA

CARBALLO

14 may 2017 . Actualizado a las 21:51 h.

 «Temos unha Lei de Enxuizamento Criminal que está pensada para os pillagaliñas, pero non para os grandes defraudadores, nin para os casos como os que estamos vendo agora onde hai tanta corrupción». Estas declaracións, que son do ano 2014, non crean que viñan de ningún antisistema, non, quen as facía era o daquela, a aínda agora, presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo: Carlos Lesmes Serrano. Na súa opinión, á lei, que data de 1882, puxéronselle moitos parches, pero aínda así non está preparada para facerlle fronte á delincuencia de alto copete. Un ano despois o Congreso aprobou unha nova reforma. Non sei o que opina Lesmes, pero eu, que o máis cerca que estiven de Dereito foi na súa cafetería, sospeito que estamos máis ou menos na mesma tesitura.

Vivimos tempos revoltos, pero nada enganosos: as contradicións son máis evidentes que nunca. Por un lado, abrollan continuamente casos de corrupción, saqueos multimillonarios que enlaman partidos políticos, altos cargos públicos e tamén a grandes corporacións empresariais, polo outro, o que me parece máis grave, contemplamos con certa indolencia o que sucede. No fondo, parece que os centos (seguramente miles) de millóns de euros públicos que marchan polos sumidoiros da corrupción non fosen nosos. Pero si que o son. Son prazas de médicos, de mestres, de bolsas para estudantes, de residencias para maiores, de garderías, de...

Ben sei que iso de aproveitarse das arcas públicas non é un fenómeno novo na nosa historia. Cada época tivo os seus grandes escándalos. Só por citar algúns dos máis coñecidos, aí están as inxentes prevaricacións na corte de Felipe III, onde o duque de Lerma (1553-1625) acumulou unha inxente fortuna a base, entre outras trapalladas, de prevaricar e vender cargos públicos. Tamén están os casos da rexente María Cristina e o do presidente Narváez, no século XIX, con grandes intereses nos negocios do sal, do ferrocarril e ata na trata de escravos. Da ditadura franquista son célebres os casos Matesa e Sofico, nos que desapareceron miles de millóns das antigas pesetas. E despois, KIO, Filesa, Gescartera, Gurtel... e así ata chegar á actualidade que xa len vostedes todos os días nos diarios (e vendo a punta, podemos ter unha idea aproximada do tamaño que ten o iceberg).

A xustiza debería actuar cunha independencia que hoxe xa nin se lle presupón, iso é evidente, pero non o único remedio. Por moito que se mellore nas medidas coercitivas, a corrupción só se atalla mirándoa de fronte e negándonos como sociedade a torcer a ollada cara outra parte, a seguir sendo testemuñas mudas. O silencio non é neutral, é cómplice. A resignación é o abono perfecto para que todo siga igual.

Necesítase educación, transparencia e máis democracia. Algo falla estrepitosamente cando un neno ou unha nena pode rematar os seus estudos obrigatorios, ou mesmo outros superiores, e non ter ningún coñecemento dos seus dereitos e deberes como cidadán, nin tampouco as nocións máis básicas de como funcionan as administracións. ¿Por que? Saquen vostedes as súas propias conclusións, eu só digo que os dereitos e deberes que non se coñecen nin se valora nin se exercitan.

Máis preocupante que a existencia da corrupción é a nosa actitude fronte a ela. Sendo eu cativo, lembro unha discusión política que non esquecerei pola carga de pesimismo, determinismo e tamén de cinismo que destilaba.

-É mellor que sigan na maseira os que están. Polo menos xa están ben mantidos e non hai que volver a engordalos.

En fin, algo de todo isto xa o deixou escrito o mellor Risco, vai para noventa anos.