«Acudir ao Rafa Nadal Sport Centre de preparador é un reto persoal»

CARBALLO

JOSE MANUEL FERREIRO

O adestrador baiés deixará dez anos de traballo de forma inenterrumpida na Coruña

29 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fermín López Agra (Berna-Suíza, 1985) dará un cambio total á súa vida profesional como preparador. Marcha para Manacor (Mallorca) para formar parte de Rafa Nadal Sport Centre. Este licenciado en ciencias da actividade física para o deporte e con másteres de educación física e saúde, ademais de profesor de educación secundaria, é un adestrador persoal que viña desempeñando o seu labor na Coruña dende hai dez anos ininterrompidos. Fermín séntese un baiés máis, posto que dende os oito anos vive en Baio. Tamén foi xogador xuvenil do Bergantiños e tamén vestiu a camiseta do Sp. Zas e do Baio.

-¿Como xurde a posibilidade de ir ao Rafa Nadal Sport Centre?

-Hai uns cinco meses fixen unhas probas de acceso despois de enviarlle un currículo para probar sorte.

-¿Coñecía o centro?

-Non, todo comezou un día que estaba mirando no ordenador e vin a noticia de que Nadal e Federer inauguraban o centro académico Rafa Nadal Sport Centre. Así que animeime e din o paso para adiante e ir alí.

-¿Por que decidiu este cambio radical na súa vida?

-Acudir ao Rafa Nadal Sport Centre de adestrador é un reto persoal. Acudín alí e a directora do centro e outros dous responsables fixéronme un test de inglés, outro de coñecementos técnicos e unha entrevista persoal. Ao rematar dixéronme que tería que volver o día seguinte.

-¿E así ocorreu?

-Pois ao día seguinte chamáronme e ensináronme as instalacións, presentáronme ao persoal e despois fixen unhas probas prácticas. Despois de todo iso preguntáronme canto necesitaría para vir e que lles encantou a entrevista, que ían valorar algún candidato máis e que me chamarían nun máximo de quince días. Pasou ese tempo e chamáronme.

-¿E como o tomou?

-A decisión non foi doada. Nunca marchara fóra de Galicia. Aquí teño un traballo con contrato indefinido. Coñezo moita xente e estou ben valorado. Teño una horario bo. Estaba moi a gusto.

-Na Coruña é onde estaba a traballar.

-Levo catro anos no Coruña Sport Centre, tamén son adestrador no apartado físico do tenista Luís Fernández no Club de Tenis e dende o ano 2007 exerzo de adestrador persoal.

-¿Que labor vai desenvolver en Manacor?

-Estarei na sala fitness, con adestramentos persoais derivados da academia de preparación física e recuperación de lesións. Tamén darei algunhas clases dirixidas e proxectos de running e triatlón, basicamente.

-Vostede é un habitual nas carreiras da Costa da Morte.

-É certo. Botarei de menos non poder competir. Se teño algunha posibilidade pois gustaríame competir, pero, supoño, que será moi difícil que volva a competir ao estar en Manacor.

-¿Cando irá para as Baleares?

-A vindeira semana marcharei para alá e o próximo 15 comezarei no meu novo traballo con moita ilusión e ganas de seguir crecendo, mellorando e non estancarme para chegar ao máis alto posible.