Versos e notas para despedir as xornadas do profesorado

La Voz

CARBALLO

Alberto Pombo e Yolanda Castaño presentaron un libro e Bieito Romero tocou varias pezas

28 abr 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

As xornadas do profesorado do ciclo Dombate Primavera da Poesía despedíronse onte cunha dobre sesión de poesía e música que serviu a un tempo para reivindicar o valor das linguas minoritarias e para reafirmar o influxo que exerce o megálito cabanés como fonte de inspiración artística.

Dombate é o nome da colección da poesía da editorial Galaxia, pero tamén é a imaxe que preside a portada dun dos discos de Luar na Lubre, así que ambos, versos e música, foron protagonistas do acto de onte.

Os primeiros chegaron da man de Alberto Pombo e Yolanda Castaño, tradutor e prologuista, respectivamente, do poemario do autor chinés Jidi Majia Rapsodia en negro, publicado precisamente nesa colección Dombate. Pombo destacou o labor crucial de Majia para preservar e difundir a tradición oral da minoría nuosu e para darlle o estatus que merece a súa lingua, o xi, mentres que Castaño foi a encargada de darlle voz recitando algúns deses poemas nos que os vínculos coa paisaxe e o respecto polos devanceiros están moi presentes.

A música púxoa o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero, que volveu a demostrar o gran apego que sente pola Costa da Morte. A moi pouca distancia do megálito que se pode ver na portada do disco O son do ar, Romero interpretou varias das pezas que contribuíron a converter ao seu grupo nunha formación xa mítica do folk galego e a traspasar fronteiras. Xunto a el, para ese colofón musical, estiveron o seu fillo -tamén Bieito e tamén gaiteiro- e o percusionista Patxi Bermúdez.