Paula Carballeira animou aos rapaces a xogar coas palabras

Á. Palmou

CARBALLO

Jose Manuel Casal

Hoxe haberá dous obradoiros coa contacontos e unha sesión para mestres con Manuel Ferreiro

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Paula Carballeira tomou onte o relevo de María Lires para volver a adornar con poesía o dolmen de Dombate convidando aos nenos a deixarse conquistar pola maxia dos versos. A contacontos e actriz fíxoo coa axuda do seu libro Nunca mascotas (Galaxia), unha obra coa que pretende concienciar sobre o respecto aos animais. E así, falando de animais e facendo xogos sobre eles, avanzaron as dúas sesións que Carballeira ofreceu para os alumnos de primeiro e segundo da ESO do CPI As Revoltas.

Os rapaces tiveron tamén ocasión de emular á Carballeira poeta escribindo os seus propios versos: «Ao principio estaban preocupados pola rima, aínda que tamén había algún que dicía que se podía facer rima libre», explicou a contacontos ao remate dunha xornada que cualificou de proveitosa. «Nos meus espectáculos de contacontos tamén trato de interactuar co público, pero nos obradoiros hai diálogo e iso é algo que me resulta moi interesante».

Carballeira tamén salientou a boa resposta dos rapaces. «A eles gústalles ver que valoras o que fan, que poden escribir, que só teñen que animarse. E iso é foi o interesante deste tipo de xornadas: que eles fagan, experimenten e xoguen coas palabras».

Hoxe seguirá traballando nesa liña posto que regresará a Dombate para ofrecer dous novos obradoiros para os escolares de As Revoltas: será a quenda dos alumnos de terceiro (10 horas) e de cuarto (11) da ESO.

Xornadas do profesorado

Ademais, durante a xornada de hoxe reanudaranse as actividades das xornadas para o profesorado incluídas tamén no ciclo Dombate Primavera da Poesía. O convidado desta sesión será o filólogo Manuel Ferreiro, un dos principais especialistas na obra de Eduardo Pondal, que se encargará de analizar o poema O dolmen de Dombate. Comezará ás 18 horas e como nas xornadas anteriores a presentadora será a escritora ceense María Canosa.