Galaxias

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Reflexionaba a semana pasada un columnista madrileño sobre a vertixinosa velocidade coa que pasan os anos, o pouco que nos damos conta ata que xa pasaron, e a sensación repetida de ter vivido unha época que sempre nos parece asombrosa, o nunca visto, o culmen impensable de sucesos históricos ou avances técnicos inimaxinables ata hai nada. Tamén lle gusta a Jorge Mira falar nas súas charlas desta maneira de mirar os cambios, poñendo exemplos de doada comprensión como que as galaxias eternas, na época dos nosos avós, non existían: foron descubertas como tales a principios do anos 20.

Son reflexións curiosas que enchen un pouco o intelecto cando o estómago xa está cheo e non hai dores que perturben, pero mesmo neses casos non está de máis pensar un pouco niso para poñer ben os pes no sitio ao que pertencemos. A min ocórreme case sempre cando falece algunha persoa de máis 105 ou 107 anos. Podería ser con todas, pero a mente tende a mirar aos picos das montañas de lonxevidade. Como onte, que morreu Consuelo, portadora ademais dun apelido tan singular e escaso como Ternande. Tiña 107. Vai en tempo, sóese dicir, pero no seu caso, ata que empeorou fará 15 días, estaba chea de vitalidade. Se lle poñen unha Play a tempo seguro que se entretiña con ela. Na súa cabeza, na de tantas como ela, vanse imaxes dunha terra, unha xente e unha maneira de ser, estar e falar -a nosa- que nos van pasando por diante a esa gran velocidade que citaba, e na que a miúdo non reparamos. Eu trato de absorber algo do que deixan, unha feble galaxia de coñecementos que se perden no noso espazo.