O mellor publicista da Costa da Morte

Luís Giadás O POUSO DA HISTORIA

CARBALLO

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 131 anos, o extenso cornecho ó oeste da Coruña era un territorio remoto e salvaxe («esquivo», en palabras do Bardo), cativo en comunicacións terrestres e, en consecuencia, orfo de todo progreso, tanto material como espiritual. Por non ter, nin sequera tiña aínda o apelativo infamante que se convertería -pola ironía que arrastran sempre as definicións- en contundente denominación de orixe con gancho turístico: a Costa da Morte.

Pois ben: foi aquel ano de 1886, cando un fillo daquela terra descorría o pano de fundo e amosábanos o escenario ata daquela ignorado polos creadores literarios da época (perdidos en ensoñacións románticas de ruínas góticas ou de lendas moriscas), unha paisaxe de urces e penedos, zoados polo vento, e asediada polo bruar das ondas, estalando contra as rompentes, que faría as delicias de Emily Bronte (Cumbres Borrascosas), Coleridge (A Rima do Ancián Mariñeiro) ou - achegándonos ós poetas patrios- do Duque de Rivas (El Faro de Malta) ou do viveirense Pastor Díaz (La Sirena del Norte).

En Queixumes dos Pinos, Eduardo María González-Pondal Abente visibilizou para a Arte (que é o mesmo que para o mundo) Nemancos, Soneira e, moi especialmente, Bergantiños, o «Val Nativo» das súas raigañas. Mais non só a irta paisaxe: campesiños e campesiñas serán espectadores da metamorfose dos elementos da Natureza (rochas e árbores) e das aldeas en guerreiros -e guerreiras ? que morren nas primeiras filas do combate, en bardos de proféticas odas ou en fadas de doce ollar. Ata as aves transmútanse en vagabundos solitarios, portadores de tristeiros presaxios ou de rebeldías indomables.

Errante degustador desta áspera xeografía, Pondal enmarcouna -xa, para sempre- nunha epopea tan nidiamente identificable para os potenciais visitantes como a Calzada dos Xigantes no Ulster, a Escila siciliana da Odisea ou a Cova de Hércules en Tánger.

Eis unha boa razón para a conmemoración do centenario do pasamento do vate pontecesán: Pondal foi o pioneiro no márketing turístico desta nosa Costa da Morte.