Unha paixón que se converteu no xeito de vivir

Gustavo Varela

CARBALLO

Jose Manuel Casal

«Celebrei ascensos sen saber a onde se ascendía e dixerín derrotas tomando un refresco e uns pinchos nalgún bar do camiño de volta (...). Xogaba a ser xornalista redactando crónicas dos partidos nunha máquina de escribir empregando só o dedo índice e tentaba imitar os debuxos dos goles como os que saían en La Voz de Galicia (...)»

26 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitas formas de coñecer e percorrer a Costa da Morte. Praias marabillosas, roteiros incribles, cultura, gastronomía. A miña historia é ben distinta. Coñecina polos seus campos de fútbol. Dende que teño uso de razón o domingo era día de coller o coche ou de ir en autobús. Primeiro acompañando a meu pai e logo seguindo o que facía o meu irmán. Lémbrome de chegar ao Freixo, subir unha costa arriba empinada e atopar un campo esculpido no medio dunha rocheira. Ir a Esteiro e que che vaia abrindo o camiño un rapaz en bicicleta ata un vello portón de madeira. Parar en Lira e aproveitar para tomar o sol na praia antes do partido. Fisterra, e ese nome do Ara Solis que sempre me impuxo moito respecto. O vello Balsiño de Baio, ese campo que me daba a sensación de estar un pouco empinado. Aquel Laxe insuperable dos Tinolos. Ou Caión e a súa barca merodeando derredor do campo agardando que algún punteirolo mandase o coiro ao mar.

Os meus ídolos non foron os da «Quinta do Buitre» e nunca pedín unha camisola de Bebeto como agasallo de Nadal. A min chamábame a atención Lito, devorando a banda do Carral cando era xuvenil cunha mata de pelo que parecía Maradona. A Lucho, incrustando unha falta pola escadra no añorado campo de Carballo. Ou un gol de Cobiñas trazando unha parábola incrible dende o centro do campo da Pedra Queimada. Celebrei ascensos sen saber a onde se ascendía e dixerín derrotas tomando un refresco e uns pinchos nalgún bar do camiño de volta, que así os grolos amargos se volvían un pouco máis doces. Xogaba a ser xornalista redactando crónicas dos partidos nunha máquina de escribir empregando só o dedo índice e tentaba imitar os debuxos dos goles como os que saían en La Voz de Galicia nas crónicas do Deportivo alá polos últimos oitenta e primeiros noventa.

Quen me ía dicir que aquilo que comezou como un xogo ía converterse nun xeito de vivir. Na miña profesión, a de contar eventos deportivos escondido detrás dun micrófono na miña lingua nai. Tocoume desfrutar dos tempos de viño e rosas. Debutei no Camp Nou, cantando un gol de Ronaldinho. Tiven a sorte de percorrer os grandes campos do fútbol español e atoparme neles como se da miña casa se tratase. Logo viaxar por toda Europa gozando do mellor espectáculo e dos mellores ambientes. Turín, Milán, París, Munich, Atenas ou Manchester. A rivalidade entre Mourinho e Guardiola en plena efervescencia do Clásico. A dicotomía Messi vs. Cristiano. E ter o privilexio de narrar o mellor partido que vin e verei endexamais, a Champions do Barcelona no templo de Wembley.

Pero cando chegaba ao hotel de turno e acougaba antes de durmir sempre pensaba naqueles ídolos de carne e óso. Os que che ensinaban a golpear un balón ou os que che dicían á cara como afrontar unha derrota. E ollaba con certa mágoa aos que viven na burbulla da opulencia e a desconfianza cara todo o que os rodea. Uns ídolos de cera.

No vestiario do Real Madrid non cheira a linimento. No Camp Nou tampouco ule a herba podre cortada do día anterior e amoreada nun recanto. A liña de banda de Riazor é artificialmente recta. Nesa perfección pérdese boa parte do encanto. No meu ir e vir dominical de cativo aprendín que o deporte era outra cousa. A mellor educación para os rapaces, unha fonte de saúde e unha escola para a vida chea de superación e compañeirismo. Son valores que mamei dende o berce. Iso é o que sempre quixen contar.

DNI. Gustavo Varela. Gustavo Varela Añón, carballés, é un dos rostros máis coñecidos da información deportiva da Televisión de Galicia. En diversas ocasións, coma neste propio texto, ten contado dúas das súas paixóns: por unha banda, o deporte; por outra, o xornalismo. Ambas as dúas úneas na súa profesión. Gustavo medrou nos campos da Costa da Morte: neles coñeceu os valores do deporte.