Álbum de canallas e farsantes


Teño escrito nesta sección máis dunha vez de estafadores e estafas varias. Mais hoxe volvo ao asunto porque, por incrible que pareza, aínda hai quen é vítima de enredos tan célebres como o da estampiña. Como saberán, este timo ten como gancho un suposto parvo que anda pola rúa cun sobre cheo de billetes dicindo que son estampas repetidas. Con esta leria aborda a calquera viandante e é nese momento cando entra en acción un «listo» que propón aproveitarse do «paspán». Incitado polo espelido, o estafado paga unha pequena cantidade de cartos polas estampas. Cando xa é demasiado tarde, a vítima descobre que o que lle deixaron é un sobre con papeis sen valor.

Son dos que opino que o timo da estampiña non debería estar penado. Neste caso concreto, a vítima non é mellor que os delincuentes que ten enfronte. Aínda é peor, demostra non ter reparos en se querer aproveitar dun diminuído psíquico. Así que, máis que delito, isto parece un asunto de xustiza poética. É certo que moitas outras estafas non teñen perdón posible. Baséanse xusto no contrario, na boa fe, cando non na candidez, do estafado. Hai pouco souben do gravísimo problema financeiro e legal no que se atopa unha señora maior por mor do calleiro que teñen algúns desalmados. A muller que, a pesar de ter unha minusvalía mental evidente non está incapacitada, compraba todo o que lle ofrecían pola porta: seguros, enciclopedias, robots de cociña e fedellos varios que non chegaba nin a desempaquetar. Non tardaron en vir os reclamos de cobro e logo os embargos. Non entendía o sarillo no que a meteran. Pensaba que lle estaba facendo un favor a aquela xente.

Hai outra estafa que por desgraza non está penada como debería e que a min me causa especial repugnancia. Falo de meigos, videntes e falsos curandeiros que fan auténticas fortunas a conta da desesperación das persoas. Como definimos eses homes e mulleres que anuncian ser quen de curar calquera doenza, por grave que sexa, coa mera imposición de mans? Abonda dar unha volta polos buscadores de internet para atopar testemuñas (e denuncias) de persoas que gastaron centos (moitas veces milleiros) de euros en falsos tratamentos que, no mellor dos casos, eran meros enganos inocuos. Mais tamén hai veces que o estado dos enfermos se agrava debido a que o «remedio» é contraproducente ou porque se abandona o tratamento prescrito dende a medicina científica. E ollo, non inclúo aquí menciñeiros e compoñedores que, herdeiros dunha sabedoría milenaria, axudaron a curar doenzas comúns, escordaduras e tamén algún que outro estado de ánimo. Falo doutra especie que nada ten que ver con eles: a dos pregoeiros de poderes especiais e milagres varias.

Por descontado que a existencia destes charlatáns non é nova, é tan vella coma a historia da humanidade. A miúdo, cando se fala destes asuntos, lembro o caso dun meigo que a finais dos anos setenta era bastante coñecido na zona. O elemento tiña un moito de descaro e tamén un algo de ilusionista de pouca monta. Mentres atendía a clientela nun galpón, unha súa irmá acendía e apagaba un interruptor dende outra estancia anexa. O ir e vir da luz da lámpada eran, segundo o meigo, a forma que tiñan os defuntos para comunicarse con el. Aí estaban os de Fenosa de médiums: ademais de facturas, mandando novas do outro mundo.

Aquel oficio, ademais de cartos, tamén lle deu sobresaltos. O máis comentado foi a tunda que lle propinou un mozo de Tordoia. Estaba farto de ver como lle sacaba os cartos a súa nai. Medio desconxuntado e implorando clemencia, o adiviño preguntou o motivo das labazadas.

-Se foses meigo, víalas vir!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Álbum de canallas e farsantes