«Literalmente pódese dicir que antes había xente que morría por ser pobre»

Este facultativo realizou un traballo sobre os médicos rurais no século XX


ourense / la voz

O xurado do Premio Risco de Ciencias Sociais acordou conceder o galardón deste ano ao traballo Enfermos pobres, médicos tristes, do que é autor Roberto Fernández Álvarez. Á hora de dar conta da decisión, os membros do equipo que outorgou o premio valoraron «o tema centrado na figura do médico rural, escasamente abordado na bibliografía antropolóxica e sociolóxica en Galiza, así como o tratamento desta figura, esencial, na sanidade do medio rural, como a personificación da ciencia no mundo das crenzas tradicionais sobre a enfermidade. Tamén a representación da autóritas respectada por ser a figura que personifica a saúde, sen esquecer que ademais aborda un interesante reflexo da sociedade rural e a súa evolución ao longo do século XX, antes da implantación do actual sistema de saúde». Roberto Fernández é médico en Allariz.

-Como naceu o proxecto que acadou o Premio Risco?

-Xurdiu hai uns anos da observación das historias que contaban os pacientes. En principio era curiosidade por ver que pasaba ou como era o traballo e a figura do médico rural na súa época, e logo foi xa cando se fixo de forma metodolóxica e abranguendo zonas do territorio galego. E logo abordouse a análise dos resultados.

-E cales foron as conclusións?

-Que houbo un retraso importante no que se refire aos medios dos que dispuñan os médicos rurais para atender ao paciente. E tamén había grandes dificultades na Galicia interior en canto ao acceso aos recursos médicos. De aí que se fale de enfermos pobres.

-A falta de recursos marcou a atención médica no rural galego?

-Hai moitos anos, o traballo abrangue o século XX, o que había era beneficiencia. Os médicos estaban pagados polos concellos e a súa misión era atender aos pobres. Pero había poucos pobres reais aos que atender. Explícome: para selo e ter dereito á atención médica debías estar recoñecido oficialmente como tal. Mais se tiñas unha pequena finca xa non podías figurar no censo de pobres, daquela a atención médica facíase inaccesíbel para esta xente porque tiña que pagala, e non había cartos para iso.

-Daquela cal era o resultado?

-Pois que moita xente morría por enfermidades comúns por non ter diñeiro para ir ao médico nin para mercar as medicinas. Literalmente pódese dicir que morrían por ser pobres.

-Non había entón ningunha alternativa?

-O panorama era ese: o médico estaba para atender aos pobres, gratis xa que para iso cobraba do Concello, e tamén a todo o mundo en xeral. Neste segundo caso de forma privada e cobrando. Daquela a xente sen recursos do rural tiñao moi difícil. E tamén había, todo hai que dicilo, cacidas e corruptelas para figurar no censo de pobres -que como era un termo que podía ferir sensibilidades se falaba de persoa «economicamente débil»-. A partir dos anos 50 foi cando empezou a Seguridade Social, e aínda así non figuraban os da agraria. Ata os anos 80 ou 90 non se universalizou de forma real a sanidade.

-Tamén había médicos de especial consideración nos pobos.

-Si. Eran realmente os chamados «médicos dos pobres»; que como sabían que os enfermos non tiñan diñeiro non lle cobraban aos veciños, e ata lle daban as medicinas gratis e algúns cartos. Os seus nomes están na memoria colectiva de toda Galicia por esa forma de actuar.

En detalle

Profesión. Roberto Fernández Álvarez é médico do Centro de Saúde de Allariz.

Parteiras e médicos. No ano 2009 Fernández publicou na revista da Sociedad Española de Medicina General un traballo sobre a abstención obstrética rural no século XX.

Galardón. O sábado foi premiado co Vicente Risco de Ciencias Sociais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Literalmente pódese dicir que antes había xente que morría por ser pobre»