«A homenaxe a Tabe será unha festa para vencer a tristeza»

v. couto / á. palmou

CARBALLO

J. M. CASAL

A sala compostelá Malatesta acollerá mañá un concerto en lembranza do que fora integrante da banda cercedense

20 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Apenas dous meses despois da morte de José Antonio Regueira, Tabe, a sala compostelá Malatesta acollerá mañá (21.30 horas, entrada de balde), un concerto homenaxe. Os seus compañeiros de Zënzar, o grupo liderado por Xosé Bocixa, encabezan o cartel dunha cita que reuniu a moitos dos seus amigos, como 12 Labirinto, O Reverendo Can, Manolito Buyo, Xenderal, O Leo, Rochi Novoa, Xosé Manuel Ares, Paco Gallego e Arón Ulloa. E moitos outros que non poderán pasar polo escenario por falta de tempo.

-Unha homenaxe merecida.

-Si, sobre todo porque Tabe foi un dos pioneiros do rock. El era un pouquiño máis maior ca min e ca maioría dos do grupo e xunto con Silveira foi quen a finais dos 70 nos fixo escoitar por primeira vez a nós, que eramos uns nenos, as guitarras na escola. A principios dos 80 xa o vimos tocando nos descansos das verbenas e a finais desa década comezamos xa a nosa andaina xuntos. Foron moitas cousas compartidas, unha gran amizade e moito tempo de música e de experiencias. Se cadra é o revés máis grande que sufriu Zënzar desde o inicio ata agora,

-¿Por que agora e en Compostela?

A perda de Tabe foi algo moi triste para nós e para toda a familia Zënzar e tiñamos que facer algo. Non tiñamos pensado facelo agora, pero houbo presións desde Compostela, dos compañeiros de Ruxe Ruxe e de outras bandas, e desde a sala que nos levaron a facer isto así xa en quente.

As tristezas hai que superalas con enerxía e con cousas positivas e ese é o planteamento desa noite: celebrar que compartirmos moita amizada e que hai que tirar cara adiante sempre. É certo que houbo un gran debate e que a un sector do grupo parecianos ben facelo xa e a outro parecíalle moi cedo, ao final todos estivemos de acordo.

-E que mellor xeito que facelo que con música e arte.

-Claro. Teño que dicir que moita xente chamou para participar, pero non podían estar todos, así que pedimos desculpas e agradecemos o seu interese. Preferimos que fose unha homenaxe na que participase sobre o escenario a xente máis próxima, como Labirinto, a banda de Silveira, precursor e responsable de que Zënzar exista e único abandono da historia do grupo. Silveira foise sen dicirnos por que, pero dous anos máis tarde soubemos que fora un acto de xenerosidade, que marchou por non presionarnos cara os estilos musicais que el gustaba e que nós abandonabamos.

-¿Concerto, festival... cal é a mellor denominación desta velada?

-Eu gusto de chamarlle festa porque é un homenaxe a Tabe, pero no fondo é unha festa; un momento para recordalo en positivo, o que foi para cada un de nós e o que segue sendo porque os recordos quedan aí e hai que intentar vivilos en positivo. Será unha festa para vencer a tristeza.

-E tamén haberá billarda.

-Si, a xente da billarda escribiunos e propúxonos organizar un aberto en Compostela ao lado da sala en homenaxe a Tabe e a nós pareceunos unha gran idea. Eu conservo un palán de buxo que me fixo Tabe e espero usalo tamén con esta xente da Liga Nacional de Billarda, coa que tamén temos moita relación é moi bo rollo.