«Estamos para resolver problemas sen mirar a cor política de ninguén»

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa A CORUÑA / LA VOZ

CARBALLO

CESAR QUIAN

Asegura que a inversión este ano en Educación na área de A Coruña pasa dos 9,5 millóns de euros

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovidio Rodeiro Tato (Boqueixón, 1972) acaba de ser nomeado delegado territorial da Xunta para A Coruña. O político popular iniciouse no movemento asociativo xuvenil e foi durante seis anos director xeral de Xuventude. Tivo acta de concelleiro na súa vila, da que era alcalde desde o ano pasado tras acadar a maioría absoluta nas últimas municipais. Licenciado en Maxisterio, traballou no ámbito da formación e na atención a maiores.

-¿Contaba con este nomeamento?

-Foi de sorpresa, unha proposta coa que síntome honrado de poder asumir esta responsabilidade.

-¿Xa se puxo ao día sobre os grandes retos da provincia?

-Estamos tendo unha primeira toma de contacto cos funcionarios e xefaturas territoriais. E xa estamos a darlle continuidade a algún dos temas que levaba o anterior delegado.

-¿Como chegou á política?

-Pois sen querer, porque non contaba. Sempre me gustou viaxar a no meu concello constituín unha asociación xuvenil de mobilidade internacional. Aí iniciei a miña participación pública. O tecido asociativo é a mellor escola de formación e de cidadanía. A partir de aí fóronme invitando a participar da política, e até aquí.

-Tamén pasou pola Xunta.

-Fun director xeral desde o 2009, aprobando a primeira lei de xuventude de Galicia, que non existía, e fixemos verdadeiros programas de participación xuvenil. A participación é fundamental, canta máis xente participe en todo, máis acertaremos no futuro. Renovamos como nunca se renovou en España a política de xuventude dándolle un protagonismo especial a quen o ten que ter, os mozos.

-Vostede é do PP e nas principais cidades da provincia gobernan as mareas. ¿Como levará a relación cos seus representantes?

-Por parte da Xunta a liña é clara: non miramos ningunha cor, estamos para traballar e resolver os problemas de todos os cidadáns. Esa é a miña intención. Non hai que partir con prexuízos, traballarei da man cos concellos. E tentarei buscar sempre os puntos de encontro.

-¿Tivo xa contactos co goberno local de A Coruña?

-Aínda non pero será inmediato. Atopeime xa con outras entidades. Co reitor, coa Autoridade Portuaria...

-A maior inversión da Xunta na cidade é a recuperación da fábrica de Tabacos. ¿Tivo tempo de ver como está esa obra?

-Enmárcase nas actuacións de Vicepresidencia e ten un investimento moi importante. Estase a executar e como en calquera obra moi ambiciosa sempre aparecen algunhas dificultades que vanse resolvendo pouco a pouco.

-¿Cales son os principais investimentos da Xunta en A Coruña?

-Neste ano, só en Educación, van 9,5 millóns na cidade e a súa contorna. Só en A Coruña van máis de cinco millóns de euros. A nivel de sanidade tamén hai actuacións na comarca e creo que esta vai ser a lexislatura da mellora do transporte coa intermodal. Está garantido e blindado un investimento de 10 millóns de euros.

-Tamén está en marcha o plan de transporte metropolitano. ¿Como está ese asunto?

-Está moi avanzado e falouse con todos so concellos da área e todos os axentes. É algo moi positivo para a área metropolitana, pero tamén para a cidade e para o seu comercio local, facilitando a mobilidade. Nos vindeiros meses será unha realidade.

-¿Cales son os retos da Xunta na cidade e no resto da provincia nos vindeiros catro anos?

-Pois por exemplo executar a obra da intermodal, e tamén investimentos en educación. Temos o compromiso da conselleira da mellora da planta de Nostián e moitas máis. A Xunta estará á altura das demandas que se produzan.

«O investimento de 10 millóns na intermodal está garantido e blindado»

«Canta máis xente participe, máis acertaremos no futuro, é algo fundamental»