«Agora hai poucos canteiros porque tampouco hai quen lles ensine»

v. couto / á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

Dirixirá hoxe os traballos do milladoiro proxectado en Cerqueda por Monte d?Arxa

19 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Díaz Fernández, máis coñecido como Calviño da Folgueira, reivindica o oficio de canteiro e reclama a recuperación das escolas taller -foi docente na de Buño- para permitir que os mozos, «que non teñen nada que facer nas súas casas», poidan atopar así un xeito de gañarse a vida. Hoxe terá a un grupo de voluntarios ao seu cargo, pero cunha finalidade moi diferente. Entre todos levantarán o milladoiro con forma de espiga co que a asociación Monte d’Arxa quere recuperar o espazo situado tras o local sociocultural das Pozacas e homenaxear ao mundo agrario local.

-Hoxe haberá traballo para unhas cantas persoas.

-Si, o primeiro que imos facer é desfacer un muro de pedra que hai alí e con esa pedra toda imos facer un figura tipo espiga.

-¿Xa sabe como vai ser ese milladoiro?

-Máis ou menos temos algo pensado, pero ao empezalo se cadra xurde outra idea. É un traballo complicado porque somos poucos a pensar, pero teño bastante experiencia porque as casas rurais que hai por aquí fíxenas eu todas e os parques de Cerqueda e a entrada do cemiterio tamén.

-¿Conta que haxa moitos voluntarios?

-Sería importante que viñeran axudar cantos máis mellor. Serán ben recibidos todos os que veñan pero a todos vounos obrigar a poñer pedras.

-¿Cantos anos leva traballando a pedra?

-Levo desde hai 45 anos, cando fixen a restauración da casa na que vivo eu e a partir de aí comezamos a facer restauracións doutras vivendas.

-¿Quen lle ensinou o oficio?

-A min gústame a distribución da obra, ocorréuseme aquilo e fíxeno. Ninguén me ensinou. O que sei da pedra aprendino eu a poder de idea que teño.

-Nestes momentos non debe haber moitos canteiros con tanta experiencia

-Canteiros de restauración agora hai moitos, pero de picar pedra non. Se queres facer un lar ou unha lareira de labrador ou calquera cousa de cantería todos van ao taller a buscalas, pero eu se teño as pedras fágoas persoalmente porque gústanme máis que as do taller. Hai poucos canteiros porque tampouco hai quen ensine. Onde se aprende algo é nas escolas taller, pero quitáronas e xa non hai.

-¿Aparte das escolas taller ensinou a máis xente?

-Ensinei a varias persoas máis e ao meu fillo, pero el non quixo seguir coa tradición. Sabe o oficio e sábeo ben. Fixemos unha casa rural en San Román e fixémoslle as portas e as fiestras con pedra antiga que tiñan por alí e resultan máis bonitas. A antigüidade é bonita. Cando picas ti unha pedra descobres todas as materias que ten pero cando a traes do taller, como vén cortada coas máquinas e lavada, recibe moita auga para dentro e despois ponse verde.

-¿Como recorda o seu paso pola escola taller, na que coincidiu co que vai ser agora cura de Cerqueda?

-Traballamos quince ou dezaoito meses xuntos. El estaba de xardinería e eu de albanelaría e cantería. Había moita xente interesada polo oficio, pero ao cortar a escola taller acabouse todo. Eu tiña 13 homes comigo e podíamos facer obras porque nos defendiamos ben, pero agora non hai quen ensine a ninguén. É unha magoa porque aquí hai moitos rapaces que non teñen moito que facer nas súas casas e se houbera estas escolas tiñan onde aprender e onde gañar un peso.