«A Granxa foi un claro exemplo de modernidade na aplicación de I+D+i»

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Imparte hoxe unha conferencia como clausura da exposición que acolle o Fórum

14 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 1880 e 1964, unha extensa superficie de 16 hectáreas situada na actual segunda fase de Elviña albergou a Granxa Experimental de Monelos, un proxecto innovador non só para a súa época que marcaría un punto de inflexión na modernización do agro na zona. O Fórum Metropolitano acolle unha mostra na que se repasa a historia da granxa que hoxe clausura o seu comisario, Xosé Antón Fraga, con unha conferencia.

-¿Cómo xurde o proxecto da Granxa Experimental?

-Nace no momento no que a ciencia se vai incorporando á agricultura e á gandería por toda Europa. España entrou nese proceso un pouco tarde, e en Galicia había unha crise gandeira a finais do XIX, motivada polo cese da venta de vacún a Inglaterra. O goberno español decidiu instalar granxas modelo onde se capacitara aos agricultores, onde aprenderan novas técnicas. Aquí foi unha iniciativa promovida pola Deputación, pero que contaba cun respaldo unitario de toda a sociedade, xa que participaron diferentes institucións e personalidades, como o fundador de La Voz de Galicia, Juan Fernández Latorre, que era ademais deputado provincial, e que foi un dos que formou a comisión de estudio. A unidade foi total, porque nesa comisión había xente de perfís ideolóxicos ben distintos. Foi un movemento cidadán que pedía que unha de esas granxas se instalase na cidade.

-¿Por qué desapareceu?

-Daquela era unha zona semirrural nas inmediacións da cidade. E cando a urbe se foi estendendo houbo dúas presións, a da nova entrada pola avenida de Alfonso Molina e a propia expansión da cidade, e un cambio nos obxectivos da granxa. Porque a partir dos anos cincuenta, cando chegan as novas relacións con EE. UU., se modifican as estratexias da agricultura española e se precisan novas instalacións. Por iso se busca algo máis externo e se opta por Guísamo e, despois, por Mabegondo, que é onde está hoxe o Centro de Investigación Agraria.

-Foi un proxecto que resultou útil e práctico.

-E moi moderno, no senso de que encaixa con cuestións que hoxe en día valoramos positivamente. Por exemplo, no seu momento foi unha clara aposta polo I+D+i ao incorporar á práctica agrícola e gandeira coñecemento para producir máis e mellor, algo que está hoxe moi vixente. Ou a súa aposta polo diálogo co sector destinatario. Entenderon que había que partir das necesidades reais da xente. Se formulaba o tipo de vaca que necesitaba Galicia, non a que querían impoñer. E para iso falaban cos gandeiros. Tamén foron pioneiros nos seus mecanismos de divulgación e, por suposto, no tema do medio ambiente. Puxo en primeiro plano un concepto que daquela non se chamaba así, pero non era outra cosa que a defensa do medio ambiente.

-¿A raza rubia marela saíu realmente da granxa?

-Hai moita discusión ao respecto, pero polo que sabemos a cabana vacúa de entón era moi heteroxénea, e decidiuse seleccionar aos mellores exemplares que existían no país, e alí é onde entraron os concursos do gando. O primeiro que se fixo a nivel Galicia foi na granxa en 1905. E de alí se sacaron uns parámetros que fixaron o modelo de raza que era útil para os gandeiros porque lles facilitaba leite, carne e servía para o traballo. Así se foi realizando unha selección con exemplares presentados que cos anos derivou nun tipo de vaca que é a rubia galega.

-¿E os gandeiros aceptaban todas esas innovacións?

-Temos a imaxe de que o agro galego é conservador e hai unha parte de verdade en iso. Pero hai que situarse na realidade agraria de aquela época, con pequenas explotacións que se xogaban o seu sustento se á hora de aplicar unha innovación non lles funcionaba. De aí a actitude desconfiada inicial. A granxa soubo conectar con esa sensibilidade do gandeiro, lles explicaba alí mesmo o que facían, de modo práctico, en distintos campos de demostración que tiñan por toda Galicia. Ao paisano non se lle convencía por medios teóricos nin abstractos, é que o vía en vivo. E así atrevíase a arriscar.