O tesouro de Castromiñán

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

CARBALLO

09 dic 2016 . Actualizado a las 23:23 h.

Adescuberta, hai xa varias décadas, de numerosos achados prehistóricos nas escavacións realizadas por un equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago no val de Duio, onde apareceron diversos obxectos como citanias, mámoas ou dolmens, provocou que prestixiosos historiadores coincidan na posibilidade da existencia neste lugar de núcleos pertencentes á época castrexa e megalítica. Segundo nos contan as lendas de tradición oral e algunha que outra contrastada testemuña escrita, tal é o caso do Libro III do Códice Calixtino, Duio debeu ser no seu día unha importante cidade á que acudían influentes comerciantes seducidos polo seu tráfico marítimo. Esta circunstancia non debera subestimarse no entanto a civilización e o progreso viñeron sempre por onde sucaron as augas. Os vestixios atopados polos investigadores aos que fixemos mención -aos que cómpre engadir pezas de cerámica, machetas de bronce e lanzas biseladas- unido ás pescudas realizadas por autores que dedicaron parte da súa vida a pór en valor as esencias patrimoniais da nosa identidade, coma o erudito Francisco Esmorís Recamán na década dos anos 50 do século pasado ou o profesor Luís Monteagudo, levan a pensar que tales descubrimentos non son infundados. O xeógrafo grego Ptolomeo defende que é aquí nestas coordenadas onde se erixiu o Portus Artabrorum; lugar de onde partía o desexado ouro galego. Agora que retomamos o proxecto de recuperación do entorno de Castromiñán, o castro marítimo máis occidental de Europa, sería bo apuntalar os alicerces culturais que engrandeceron a fisterranía. Ese é o camiño a seguir, o verdadeiro tesouro.