«A Universidade ten que mellorar a eficiencia, non lle queda outra»

CARBALLO

CESAR QUIAN

Salienta a implicación de toda a comunidade educativa

04 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguidor de vello do Deportivo, dos campos de terra, Ramón del Valle López (A Coruña, 1962) emprega un símil futbolístico para salientar un dos desafíos que ten por diante a Universidade da Coruña. «Cando o Deportivo gañou a Liga eu non pensei “agora non quero gañar máis títulos de Liga”. Pensei “a ver se o ano que vén o gañamos”». Afirma que «a Universidade ten que mellorar a eficiencia, non lle queda outra, e teño a sensación de aquí existe esa implicación, entre toda a comunidade, que a UDC é un organismo». Del Valle, coruñés de Santa Margarita e licenciado en Dereito, leva escasamente dúas semanas na Maestranza, foi e veu a unhas xornadas sobre xerencia universitaria en Castellón, e advirte o imprevisible da xestión do persoal.

-Como foi o desembarco? Vostede vén dun ámbito moi distinto, da Consellería de Facenda.

-Foi unha marabilla. Efectivamente eu veño dunha consellería, que é un departamento dun organismo moi grande como é a Xunta, pero o labor non é moi distinto. Hai usos e costumes diferentes e trátase de facer o mellor traballo posible, intentar solventar problemas e mergullarse na propia dinámica da organización. A grande novidade é ese colectivo de persoal docente e investigador e a especial relación que teñen coa contorna social. Na Administración iso non pasa. E esa interacción coa sociedade, esa transferencia de coñecemento, tan directa e tan do día a día, chámame moitísimo a atención e é moi estimulante.

-Hai outra mirada á Universidade moito máis distante...

-Si, probablemente a cidadanía non ten esa percepción. Non sabe da actividade que se produce nas áreas de coñecemento, os proxectos de investigación que implican a empresas, os convenios, os spin-off. A universidade ten un obxectivo fulcral que é retribuír á sociedade todo o que esta lle dá, e o xerente ten que coñecelo e poñer os medios para que todo o que produza a universidade se traslade á contorna social.

-As contas da Universidade son moi xustiñas.

- Teñen que ser equilibradas, pero si, no orzamento da UDC hai que mellorar os ingresos.

-Por que vías?

-Non só polas fontes de financiamento clásico. Pola investigación, as patentes, a implicación coas empresas, o mecenado. A cátedra Inditex e o programa InTalent son un exemplo.

-Que retos ten por diante?

-Agora os orzamentos. Están moi avanzados, mais temos que agardar pola Lei de Orzamentos Xerais de Galicia, porque para pechar gastos hai que pechar ingresos. Tamén estamos na implantación da contabilidade analítica, que é un mecanismo de control e coñecemento para intentar avaliar a eficiencia, o custo que teñen as cousas, o que é rendible e o que non, algo importante como tarxeta de presentación e unha obriga para os organismos financiados polos cidadáns despois de que o determinase así a Intervención Xeral da Administración do Estado.