Resposta a Carmen G. Llorca

José María de la Viña Varela TEATRO

CARBALLO

01 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala lectura da carta da profesora de literatura Carmen G. Llorca, protestando molesta pola miña crítica de Ron Lalá, quixera utilizar esta ventá para, coa maior dozura do mundo, pedirlle desculpas e perdón á citada profesora e a todos aqueles espectadores que se sentiron molestos coa miña crítica.

Se o tamaño desta ventá mo permitira quixera, con todo, aclarar para quen non me coñeza, que non son unha persoa arrogante, crida ou que adoite faltar ó respecto, e moito menos ofender a ninguén. Non hai nada que máis me doa, que alguén se sinta ofendido ou molesto pola miña causa. Máis aínda se ten razón, como é o caso de algunhas afirmacións que cita C.G. Llorca, cuxa autoridade sobre Cervantes ou outros autores da Literatura universal, é incuestionable. Pero son humano, e teño días mellores e peores como todo o mundo.

A cuestión principal é que a min non me gusta nada a música en ese formato festivo que lle pon Ron Lalá, que usaron en tódalas súas actuacións anteriores (porque se fora así, eu tamén estaría aplaudindo). Mesmo nas de El Siglo de Oro e En un lugar del Quijote, onde foron sobrados de arte e calidade; e coas que quedei tan marabillado que este tipo de música, quedou agachado entre os outros valores. Pódese comprobar na hemeroteca deste xornal. Porque eu vou ó teatro non a xulgar o que, senón o como. E naquelas obras bordárono. É curioso que me fixe tanto nas formas, e sen embargo as miñas da crítica, deixaron que desexar; cando menos para unha parte do público, ó que, recoñezo, dirixinme con desafortunado estilo. Está claro que un é libre de expresar o seu aprecio ou non, de cada obra. Podemos estar ou non de acordo na interpretación da mesma. Pero non é de recibo, que eu critique ós que non comparten os meus gustos.

Con todo, algunhas afirmacións son incorrectas, e por non estenderme moito, citarei que o de fabas contadas refírese ó humor de Ron Lalá; non ó de Cervantes; fabas que cito. E tampouco fun eu quen lle puxo o nome de Cervantina, senón eles: no Café con... anterior á obra, que adoita suceder antes de cada obra, explicábannos ós que estabamos alí, que Cervantina era unha especie de homenaxe ás mulleres en segundo plano, pero presentes nas obras de Cervantes.

Teño as miñas propias ideas e experiencias sobre o teatro, como todo o mundo; e non creo que teña que ver con ser profesor de química. Gustaríame que comprenderades que manifesto só unha opinión, todo o discutible que queirades. Pero, desde a miña experiencia teatral, é o que teño. É o que vexo.

Hai días que un non estás atinado. E repasando o meu artigo vexo palabra miñas que non debín escribir. Respecto da obra sigo pensando o mesmo, e non son eu só: «En perfecta armonía ronlalera, texto y música se alían en un espectáculo redondo, quizás una miaja menos centrado y esencial que su anterior En un lugar de Cervantes», crítica de ABC.

Polo respecto que lle teño á profesora, e porque coido que tamén ó respectable débolle estas desculpas, escribín isto. Ó teatro vai un a divertirse, a pasar un bo anaco. O demais é irrelevante. Queridos conveciños, espero que gozarades do FIOT.