Maximino Romero de Lema, un intelectual de altura en Roma

braulio pérez astray

CARBALLO

J.M. CASAL

O arcebispo baiés, que faleceu hai 20 anos, foi o promotor da Casa de Santiago en Xerusalén

30 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte cumpríronse 20 anos do pasamento de Maximino Romero de Lema, arcebispo baiés e unha das figuras mais sobranceiras da Igrexa española e universal da segunda metade do século XX.

Nado en Baio en 1911, fillo de José Romero Martínez e Genoveva de Lema, era o menor dunha familia de nove irmáns, cinco homes e catro mulleres (unha delas a miña avoa materna, Teresa). Estudante excelente, licenciouse en dereito na Universidade de Santiago, cursou o doutoramento en Madrid. Logo trasladouse a Friburgo e Roma para os seus estudos teolóxicos, que rematou en Salamanca pola ocupación nazi da Cidade Eterna. Foi profesor axudante de Dereito Constitucional e Dereito Internacional nas universidades de Santiago e Madrid, así como profesor de Historia do Dereito no Centro de Estudios Universitarios (C.E.U.) de Madrid. A esta institución chegara con apenas 22 anos motivado por Angel Herrera Oria (anos despois cardeal de Pablo VI) e formou parte dun cadro de docentes de gran valía, como Juan Manzano, Fernando María Castiella ou Carlos de la Mora.

Dende o punto de vista relixioso, destacan os moitos e importantes cargos que desempeñou: reitor da Igrexa de Santiago e Monserrat en Roma, bispo auxiliar de Madrid-Alcalá, bispo de Ávila, gran canciller da Universidade Pontificia de Salamanca (onde por encargo persoal do cardeal Garrone resolveu un grave conflito e redactou uns novos estatutos, ambos asuntos aos que en gran medida debe a súa pervivencia dita universidade), secretario para a Congregación do Clero con Pablo VI (cando a resaca posconciliar era causa de notables perturbacións), fundador e primeiro secretario da Obra de Cooperación Sacerdotal Hispano Americana (que supuxo incontables viaxes a América polos que era coñecido como el cura volante), vicedirector do Instituto Social León XIII, ata rematar co que foi o seu derradeiro servizo á Igrexa como director espiritual do Seminario Redemptoris Mater en Roma.

Pero o legado de Romero de Lema é extraordinario non só dende o punto de vista relixioso. Neste 2016 cúmprese tamén o 60 aniversario da fundación da Casa de Santiago en Xerusalén da que foi promotor e na que integrou o Instituto Bíblico e Arqueolóxico, sen dúbida unha das súas obras máis transcendentes no eido académico e científico, e quizais tamén por ilo unha das máis descoñecidas polo público. En palabras do seu fundador, o Instituto emerxe en resposta á necesidade de participar xunto con outras grandes escolas internacionais, como a Palestine Exploration Fund, a American School of Archeology o a École Biblique et Arquéologique Française, no estudo da cultura e as linguas do Medio Oriente. España atopábase daquela ausente do concerto de nacións occidentais interesadas no estudo arqueolóxico do Oriente Próximo, e segundo conta Joaquín González Echegaray, director do Centro de Investigación e Museo de Altamira en Cantabria, nun libro publicado hai pouco máis dun ano, «el primero que vio la urgencia de crear este instituto español de estudios arqueológicos fue moseñor Maximino Romero de Lema».

As misións arqueolóxicas no Instituto foron, e aínda son, moitas e moi importantes. González Echegaray promoveu as escavacións de El Khian, enclave prehistórico cuxo descubrimento orixinou o recoñecemento dunha nova etapa cultural arqueolóxica coñecida como khiamiense; Emilio Olávarri foi decisivo nas escavacións da cidadela de Amman; Juan Fernández Tresguerres participou do descubrimento dun inmenso poboado neolítico en Jebel Mutawwaq, Jordania; Lola Herrera, xunto con Jacqueline Balensi, dirixiu as escavacións de Tell Abu Hawan (Haifa), onde atoparon unha cidade fenicia do período do bronce recente; Carolina Aznar leva a cabo as escavacións de Tel Regev (preto de Haifa), onde xa realizou cinco campañas. A herdanza de Romero de Lema ten tamén un enorme impacto en diferentes áreas do coñecemento, nomeadamente no desenvolvemento dunha disciplina tan relevante como é a arqueoloxía.

A título persoal, como sobriño-neto, tiven a sorte de participar de moitas das relacións e inquedanzas sociais e culturais de meu tío Maximino, sobre todo cando sendo eu aínda estudante ofrecíame como chofer a algunha das súas viaxes para visitar amigos e coñecidos. Nunha destas lembro quedar abraiado coa visita a Carlos Valle-Inclán, en Pontevedra; ¡eu alí, co fillo de don Ramón! Nestas viaxes, sempre moi prudentemente, contaba anécdotas da súa longa traxectoria, moitas da súa xuventude universitaria, facendo referencia a persoeiros destacados da cultura galega cos que tanto el como seus irmáns maiores tiveran relación: Cotarelo Valledor, Filgueira Valverde, Manuel Antonio... O destino quixo que anos despois cando marchei traballar a Madrid, permitiume aloxarme na súa casa da rúa Pisuerga, onde puiden asistir como oínte a algunha das charlas que organizaba con destacados intelectuais, como Pedro Laín Entralgo ou Joaquín Ruíz Jiménez. Lembrarei sempre aquela brillante disertación na primavera do 94 do que fora ministro de Educación da UCD, Juan Antonio Ortega y Díaz-Ambrona, Conversiones, perversiones y distorsiones de la democracia española actual, onde expoñía maxistralmente os déficits democráticos da España de finais do XX (corrupción, sectarismo, transfuguismo..), cuestións que polo que se ve están en plena vixencia.

Con ocasión da súa morte, recibiu grandes dedicatorias. Laín Entralgo, lembraba a súa figura nun artigo en El País e referíase a el así: «Sean o no sean católicos, bien merece, creo yo, el agradecido recuerdo de los españoles para quienes la palabra libertad no es palabra vana». Nesas mesmas datas en ABC González de Cardenal describíao deste xeito: «Liberal frente a los integristas, moderado frente a los radicales y pensador frente a los agitadores? con él llegó a su fin toda una generación de grandes sacerdotes que llevaron a España desde la posguerra a la paz y a la libertad». Pero estou seguro de que para Maximino Romero o documento máis apreciado sería aquel artigo publicado neste xornal, La Voz de Galicia, o 4 de novembro de 2001 e titulado Sueños que no se apagan e que tiña por autor a quen fora discípulo seu e máis tarde tamén bispo de Baio, extraordinaria persoa e recoñecido intelectual, Uxío Romero Pose. Escribía Uxío: «Yo quisiera no olvidar, en el día de hoy, la magnanimidad y el cariño que manifestó y sintió hacia Baio?Queremos colaborar a que sus sueños no se apaguen y culminen las obras por él iniciadas?¡Gracias Don Maximino!».