«Creo máis na diagnose precoz do cancro ca nunha "vacina"»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Karina Pombo, en una visita a Carballo, año 2016
Karina Pombo, en una visita a Carballo, año 2016 SANTI GARRIDO

A investigadora Karina Pombo pasou o mes de xullo en Harvard e agora empeza a traballar no Max Planck, en Alemania

26 sep 2016 . Actualizado a las 10:54 h.

Karina Pombo (28 anos) pasou uns días no seu Carballo natal e vital antes de realizar unha viaxe privada de vacacións e, sobre todo, antes de poñerse a traballar, a primeira semana de outubro, no instituto de investigación Max Planck, un dos máis prestixiosos do mundo. Farao dende Dresde, en Alemaña, a cidade na que hai poucos meses leu o seu doutorado, no que traballou tamén nunha universidade australiana. Agora é doutora en Ciencias Naturais e Químicas. E, ademais, pasou parte do verán como científico visitante na Universidade de Harvard e o MIT, outra das sociedades punteiras do coñecemento mundial.

-Doutora, Max Planck e Harvard, así todo xunto en pouco tempo. Vaia salto. ¿En que vai traballar exactamente?

-Estou moi contenta. Vou a un grupo punteiro na microscopía de súper resolución que nos permite ver obxetos nanométricos. E como eu traballo con nanocousas, interesábame moito. Ata agora estiven facendo traballos centrada na clínica, e agora desvíome un pouco cara a ciencia básica: desenvolver a tecnoloxía para logo aplicala. Por exemplo, unha microscopía máis sutil, con máis eficiencia, para logo aplicala na clínica. E sempre no campo na nanotecnoloxía. En realidade, e física e química pura.

-Pero segue coa investigación do cancro.

-Si. O meu doutorado foi máis aplicado á clínica, de desenvolver nanopartículas para a investigación de cancro, e agora vou cara a máis básica, para entender o máis grande. Ás veces hai que volver atrás para comprender máis cousas. E non abandono o cancro: necesitas máis tecnoloxías para entender máis temas, e eu trasládome a esa outra fase. O Max Planck é un instituto de ciencia moi básica, por exemplo, descubrir como dunha célula se fai un tecido, como de poñer dúas láminas xuntas fas un microscopio, e cousas así. O microscopio que intentaremos desenvolver é para estudar como se forma a membrana das células humanas. Se entendes iso, podes entender moitas malformacións derivadas e relacionadas co cancro.

-¿Non se sabe daquela, algo tan elemental?

-Non. Pensábase que hai unha membrana lipídica, que é o que estudamos nos libros de Bioloxía dende EXB, pero xusto un investigador do Max Planck demostrou que iso non é exactamente así. Que é máis un movemento de moitas cousas, de autoensamblaxe.

-A investigación do cancro xunta moitas disciplinas. Doado non é.

-É moi difícil, pero todo fai falta: a tecnoloxía, entender a orixe xenética... Ao final, non entendemos case nada de momento, tal vez un 10% do que está pasando. Imos probando tratamentos, non se fai algo específico para cada paciente, non chegamos a ese nivel, porque non coñecemos todos os biomarcadores. Hai moitos puntos de mirar ao cancro, como todas as enfermidades. E hai aspectos delas que se relacionan con outras. E é moi complicado separar, ás veces, que é cancro e que non. Hai límites non moi claros. Os físicos teñen un impacto brutal nestas investigacións, non é algo que se saiba moito.

-¿Cre que haberá un remedio, unha especie de vacina, a medio prazo? 20, 30 anos...

-Se realmente conseguimos diagnosticalo a tempo e identificar os biomarcadores que causan cada tipo un pouco máis do que sabemos agora, creo que os tratamentos igual non curan 100%, pero... A evolución está sendo incrible. Non creo tanto nesa vacina como na diagnose precoz. Todo se verá.

-¿E é posible dedicarse á súa área en calquera lugar, ou hai que facelo só en institucións moi específicas?

-O que vou facer agora, especificamente, só en Alemania ou Estados Unidos. Son os únicos sitios do mundo con ese microscopio de súper resolución. Pero outros proxectos pódense realizar noutros lugares. Pódense levar a cabo moitas cousas en moitas partes, pero isto require moitos matices. ¿Vai isto sobre se me plantexo volver a España? Si me vexo, hai sitios como Santiago, San Sebastián, Barcelona... Podería aproximarse ao nivel de investigación que se está facendo por aí adiante.

-Pero agora non é o momento.

-Non. Agora toca Alemania, o Max Planck, e dentro máis adiante outros puntos, que prefiro non comentar ata que non estea pechado e sexa seguro. Igual en dez anos... Non sei cando. A min gustaríame volver, pero que o vaia facer, non o vexo claro. Eu sigo en contacto coa xente de aquí, de Galicia. Igual volvo cando saiba que a miña carreira académica pode estabilizarse. E si, é posible. Teño alguha compañeira que xa o fixo, e que se doutorou comigo en Alemania.

-Tamén se dá o caso de que xurden oportunidades, pero por moitas razóns igual o que pode facelo, prefire non volver. Incluso por medios dispoñibles.

-Claro, Ás veces tamén podes pasar iso, que podes volver, pero non che interese porque noutros lugares hai máis posibilidades. Depende da ambición que teñas, de moitos persoais e profesionais. E o que teño claro é que en Galicia hai xente moi boa traballando.

-¿Que tal a experiencia en Boston, na Universidade de Harvard?

-Fantástica. Foi grazas a unha beca de verán. En Harvard e no MIT [Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts]. Estiven como científico visitante, un mes investigando. A verdade é que foi como un punto de inflexión na miña carreira. Alí, vas pola rúa e hai algúns científicos que son estrelas mundiais no seu que teñen cola para falar con eles. Pensas: ¿Como fago para que me escoite? Igual só tes un minuto. Ou cinco. Pero aténdente, son moi accesibles, e se es estrela ou estrelada sábeno ao momento. Queren que resumas en dúas ou tres frases o que queres facer. Danche o acceso, pero non o tempo.

-¿Diría que é un dos cumios das universidades?

-A ciencia que se fai en Max Planck está ao nivel de Harvard. Pero o pensamento americano é moi distinto. Ou saes de alí cunha empresa, ou saes como crack noutra cousa. Por Harvard e polo MIT. A mentalidade é incrible. Nunha semana xa che cambia todo. Hai moita formación, hai inversores pendentes... Queren que a túa idea xenere, aínda que sexas científico. Se lle gustas, póñencho moi fácil. Caeume o mito de que non é posible chegar ata alí: si é posible. Hai varias vías, unha delas é conseguir determinadas becas, como as Marie Curie [das máis prestixiosas que hai].