«O meu desexo é que haxa futuro para a escola rural»

VERÓNICA COUTO

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Tamara Lema coordinará este sábado na Fundación Eduardo Pondal a xornada «Compartindo experiencias»

17 sep 2016 . Actualizado a las 00:02 h.

Tamara Lema Rodríguez (Canduas, 1989) é mestra en Audición e Linguaxe e responsable da Aula de Declamación da Fundación Eduardo Pondal, ademais de colaborar activamente coa asociación Monte Branco de O Couto. Dende sempre ten un don especial para a interpretación, e en máis de unha ocasión deixou abraiado ao público interpretando, por exemplo, a Rosalía.

-¿Como describiría o momento vital que atravesas?

-Eu creo que estou nun momento de asimilación, o mundo da oposición foron cinco anos de estudio intenso e agora estou como nese momento que digo pois si, saquei a oposición. Para min ser mestra era un soño. A nivel afectivo considérome moi afortunada, sempre me rodeei de moi boa xente. Ademais teño moita ilusión porque agora podo dedicarlle máis tempo á Fundación. Non me podo queixar de nada.

-¿Como foi o período de opositora?

-Para min foi complexo, é moito tempo e acabas tendo momentos de desmoralizarte, de dicir, isto non é para min. Pásase realmente mal, de feito eu prepareinas con un grupo de persoas, e sinto a necesidade de que elas tamén aproben, sobre todo unha moi amiga miña. Despois de todo iso eu dende logo valoro moitísimo o noso traballo, creo que é dos máis importantes que pode ter un país, na nosa man está tamén como vaian as cousas nun futuro próximo, estou contentísima aínda que con moita responsabilidade.

-E despois de conseguilo unha felicidade inmensa...

-Si, estaba nunha cafetería porque necesitaba despexarme, pedín o café e estaba constantemente mirando internet. Vin que saíran as notas e paguei, saín para fóra sen sequera bebelo. Nun primeiro momento non sabes exactamente que sacas praza, sae a nota da oposición, hai que facer uns cálculos e non estaba segura, saín a rúa e chamei ao meu mozo, a Franchiño, e díxenlle: ¡Creo que si, Fran, creo que si! Esperei 25 largos minutos ata que confirmei que si, aínda hoxe me tremen as pernas. Merecía ser o primeiro en sabelo, ser mozo dunha opositora non é fácil e el foi un campión.

-¿Que che gustaría transmitirlle aos rapaces máis alá do didáctico?

-Eu sempre cando organizo unha intervención intento que o neno o pase ben, que estea feliz. Busco sempre ter moi en conta a realidade da que parte o neno, a clave é saber cal é o seu mundo, el é o protagonista. Hai que partir do seu interese, da súa motivación.

-Ademais de mestra, leva xa moito tempo formando nenos na Fundación Eduardo Pondal.

-Eu levo no Couto dende moi nova, dende sempre. Ao principio O Couto era fonte de entretemento, de sociabilización, de atoparme xente que está motivada. Cando rematei a carreira e entrei no mundo de non ter traballo, a Fundación converteuse para min nun regalo que che ofrece a vida. Permíteche formarte sobre todo en valores, a nivel profesional e por suposto de competencias. Eu tiven moita sorte porque ata que empecei a traballar na Xunta pasaron tres anos, e aí non podía dicir que traballaba porque non tes recompensa económica pero estaba en contacto coa educación dun xeito moi positivo. Co paso do tempo valoras todo iso, dáche unhas competencias incribles. Alí estaba en contacto con moita xuventude, e iso creo que é o valor fundamental de O Couto, que a xuventude participa moi activamente. Iso engancha, O Couto non é a miña aldea de nacemento, pero estou enganchada a ela, aprendes e traballas sen darte conta, quítache preocupacións e ademais relaxa. Cando eu vou ao Couto e veño para a casa veño moi ben. Teño a sorte de ter dúas aldeas, a aldea de Canduas que por suposto é a miña, sempre serei de Canduas, e sempre serei de O Couto.

-Este sábado coordinará na Fundación Eduardo Pondal unha xornada de Compartindo experiencias. ¿En que consiste?

-Compartir experiencias é unha forma de poñer en comunicación feitos, circunstancias, asociacións, grupos... Que nun momento están facendo algo. Estamos nun momento malo e bo, malo porque todo é negativismo, pero por outro lado se as aldeas, como a de O Couto, poñemos en común e compartimos e nos asociamos, podemos estar facendo algo grande. O rural nunca tivo tanta xente tan preparada como agora e se poñemos en común todo o que sabemos facer e nos asociamos, isto podémolo cambiar. Non é momento de deixarse levar polo negativismo, todos aportamos algo. Agora mesmo o meu desexo é que haxa futuro para a escola rural.