«Teño a sensación dunha corredora de fondo nunha carreira de obstáculos»

Ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

Le Miroir de Musique abre hoxe en Cereixo a nova edición do programa de concertos, con Belén Bermejo como directora artística do ciclo Espazos Sonoros

03 sep 2016 . Actualizado a las 12:47 h.

A igrexa da parroquia vimiancesa de Cereixo foi o lugar elixido para que esta tarde bote a andar a novena edición de Espazos Sonoros, un ciclo nacido para abrir con música as portas de espazos senlleiros e que trae á Costa da Morte a o grupo Le Miroir de Musique. Belén Bermejo Rojo, responsable da empresa Sirgo Torcendo, integrante do grupo Pres de Cambrai e experta en protección do patrimonio, é a directora artística do ciclo.

-¿Por que se decantaron por Cereixo para este concerto?

-Escollemos os espazos non por ser grandes ou pequenos, ou por estar lonxe ou cerca, senón polo seu interese desde o punto de vista do patrimonio histórico e da música que se vai interpretar. E o caso de Cereixo foi unha casualidade que naceu na pasada edición a través de xente que frecuentaba o ciclo e que dixeron: ‘Hai que facer algo na Costa da Morte o ano que vén’. A idea foi tomando forza, estivemos buscando diversas localizacións e finalmente escollemos a igrexa de Santiago de Cereixo porque é románica e queríamos facer a inauguración con este grupo, que está especializado en música medieval; parecíanos que o espazo e a súa contorna encaixaba perfectamente coa música. E tamén polo apoio que nos deu o Concello para a camiñada previa.

-¿Que tal acollida tivo esta convocatoria?

-O cupo para a camiñada previa está practicamente completo así que a acollida foi moi boa, porque ademais hai que pensar que aínda estamos aterrando tras as vacacións. Pero xa son moitos anos de ciclo e hai xente que está moi pendente de cando empeza a programación para anotarse.

-¿Que lle diría á xente que aínda non ten decidido asistir ao concerto?

-Que actuarán uns músicos formados en Basilea (Suíza), pero que se moven moito polo mundo e viven en distintos lugares. Son especialistas na interpretación de repertorios medievais con instrumentos e técnicas orixinais e traerán un repertorio moi bonito con músicas de trovadores franceses ao longo de varios séculos. Son músicas moi fermosas que raramente se escoitan en concertos monográficos e que van sorprender a todo tipo de público. Calquera persoa que teña interese polo música vai saír cunha grata sensación deste concerto.

-¿Contaban chegar tan lonxe con este ciclo?

-Non o pensaba así que unha sempre considera que é un milagre ter chegado ata aquí. Foi a base de moitísimo esforzo e grazas ao interese da xente, que te anima a que ano tras ano sigas a facer cousas. É un ciclo para un perfil amplo de público, nunca pretendemos crear un grupo selecto, senón todo o contrario: tratamos de achegar a música nas súas múltiples facetas a un público o máis amplo posible e eliminar barreiras. Creo que ao longo do tempo conseguimos que a xente se interesase por cousas que moitas veces descoñecía.

-¿Está máis cómoda nos labores organizativos ou cando sae ao escenario co seu propio grupo?

-Eu, máis profesionalmente dedícome á produción, á organización, á dirección artística... Vivo máis no mundo das ideas, de como levalas a cabo, pero é certo que tamén sei algo de música e iso facilita o traballo. As dúas facetas se complementan.

-¿Que supón traballar nun eido tan castigado como o da promoción da cultura e do patrimonio?

-Moitas veces teño a sensación de corredor de fondo nunha carreira de obstáculos porque si hai axuda, pero é axuda voluntarista. Non é que falte ánimo por parte da xente, pero hai pouco interese das institucións que deberían apoiar este tipo de cousas tendo un patrimonio tan rico como o que temos en Galicia. E non hai que pensar só no patrimonio desde o punto de vista turístico, senón tamén para o pracer da propia poboación, para un lecer de calidade. A xente de aquí tamén ten dereito a coñecer e desfrutar do que é seu porque ás veces o problema do patrimonio é que descoñecemos a cantidade e a calidade do que temos e polo tanto non o apreciamos e moito del pérdese inevitablemente.

-¿É cedo para pensar xa en que o ciclo visite no futuro outros espazos da Costa da Morte?

-É moi cedo porque aínda non sabemos se haberá un mañá, pero sempre temos cousiñas na recámara e desde logo que quedan cousas aí na Costa da Morte. Non podo adiantar nada, pero si que temos un par de ideas que intentaremos levar a bo porto.

15.00. Visita á igrexa de Santiago de Cereixo e camiñada pola zona. Hai que anotarse previamente.

20.00. Concerto do grupo Le Miroir de Musique, que interpretará un repertorio medieval. Entrada libre ata completar aforo.