A AELG traerá en agosto e setembro a terras carballesas a súa Escola de Escritores

La Voz

CARBALLO

Será impartido por Rosalía Fernández Rial e contará coa colaboración de Paco Souto

06 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo acollerá durante o próximo mes e comezos de setembro un dos obradoiros de creación literaria que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a través da súa Escola de Escritores. A proposta, organizada grazas ao patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura e á colaboración do Concello carballés e a biblioteca Rego da Balsa, será dirixida pola escritora local Rosalía Fernández Rial, que contará co poeta malpicán Paco Souto como autor convidado.

O obradoiro leva por título Hibridar o imaxinario e desenvolverase en dez sesións de dúas horas de duración os días 2, 4, 9, 11, 18, 23, 25 e 30 de agosto, e 1 e 6 de setembro. A participación (aberta a todas as persoas maiores de 16 anos) é gratuita, pero o número de prazas é limitado (25). A incrición pode facese a través de biblioteca@carballo. gal ou 981 758 580. «Para hibridar o imaxinario cómpre xogar á corda coas fronteiras. Sempre con intensidade precisa, a golpe de ilusión. Xusto aí, no non-lugar, aprenderemos a fusionar a lingua infinda da arte literaria con todas as demais, sen restrición ningunha. Ves brincar?», propoñen os seus responsables.