Carballo abre o curso de verán sobre o galego na empresa

La Voz

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Empresarios e expertos debaterán durante dous días sobre a presenza da lingua no eido socioeconómico

06 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante dúas xornadas -as de hoxe e mañá- Carballo convertirase no principal foro de reflexión sobre a situación da lingua galega a través do curso monográfico de verán que desde hai 12 anos (os últimos 9 na capital bergantiñá) analiza a saúde do idioma e procura fórmulas para mellorala.

Este ano, a cuestión central será a súa presenza no eido socioeconómico, e para avaliala a Universidade da Coruña, o Concello, a Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística e a Xunta, buscaron a axuda dunha extensa nómina de expertos e de empresarios que poderán relatar en primeira persoa a súa propia experiencia. Charlas, mesas redondas e mesmo unha visita guiada por Carballo iranse sucedendo entre hoxe e mañá.

10.00

Inauguración

Na sesión inaugural que terá lugar no Fórum tomarán a palabra a presidenta da CTNL, Anxos Sobriño; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o reitor da UdC, Julio Abalde, e o alcalde carballés, Evencio Ferrero.

10.30

Plan de dinamización

Valentín García presentará o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020.

12.00

Valor de identificación

O papel da lingua como valor positivo de identificación empresarial é o tema da intervención de Antonio Dieter Moure, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

12.45

Experiencias empresariais

Malú Bergantiños (responsable de comunicación de R), Pedro González (voceiro de Deleite) e José Manuel Naya (responsable de Todo Lar) compartirán as súas experiencias do uso do galego como valor engadido.

16.30

O investimento lingüístico

Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, falará dos espazos do galego no eido socioeconómico e do investimento lingüístico como forma de capitalización.

17.30

O Foro Peinador

Xosé González, voceiro do Foro Peinador, explicará o papel da entidade no fomento do galego nas empresas.

18.45

O galego na publicidade

Chechu Pérez, do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo ocuparase do galego na publicidade.

19.45

Dignificación do propio

A artesá e empresaria Elena Ferro, responsable de Eferro Zocos, pechará a primeira xornada falando da dignificación e posta en valor do propio.