Cabana fará xirar o mundo no verán

Xullo, agosto e setembro serán meses moi intensos neste municipio bergantiñán


Carballo / La Voz

Hai lugares que parece que teñen gardada a enerxía coa que se move o mundo. Existen varios exemplos na Costa da Morte e, á luz do programa presentado para vivir este verán, Cabana é un deles. Xuño xa vai iniciado -e téñense preparado tamén actividades para este tempo-, mais será nos meses de xullo, agosto e setembro cando se concentre o groso dos actos. Uns son tradición e outros abren novos camiños para chegar a selo. Toda costume ha de empezar algunha vez e así parece que vai sendo coas citas máis novas. Cabana será este estío unha especie de viveiro, fonte de entretemento, de iniciativa e de alegría. Así, a Festa Africana, a Romaría do Carme do Briño, a Foliada Farrapeiro no Campo de San Fins do Castro ou o Castro Animado son algunhas das propostas para o mes vindeiro. Agosto comezará tamén con forza, coa romaría de San Fins do Castro. Seguirá con citas xa asentadas, como a Ruta das Estrelas ou a Tarde-Noite no Medievo. Son iniciativas para o encontro e a convivencia, ao igual que outras coma o cine de verán ou os roteiros programados, entre eles todo un clásico: a Ruta das Estrelas con Jorge Mira.

Alma de Cabana é o dolmen de Dombate e tamén arredor del xirará moita da programación deseñada. Por exemplo, dous Simposios: un será no mes de xullo (e terá como motivo a cantería) e outro chegará no mes de setembro. Abordarase, neste caso, o propio Dombate, como fonte de tanto coñecemento. Seguirán, por suposto, as visitas guiadas, tanto durante o día (mañá e tarde nos meses de xullo, agosto e setembro) como mesmo de noite (os venres de xullo e agosto).

O dolmen, como ten dito un dos seus maiores investigadores, o arqueólogo José María Bello, volve ser hoxe punto de reunión da comunidade, un centro referencial da actividade colectiva. Como o foi tamén orixinalmente. É por iso que no seu entorno terán cabida actividades tan interesantes como as clases maxistrais e miniconcertos de dous grandes artistas: o violinista Galen Fraser e o guitarrista Colin Cotter. Para que a programación sexa posible colaboran Concello, Deputación, Centro de Formación e Recursos e Xunta de Galicia.

EN DETALLE, A PROGRAMACIÓN, MES A MES

21 de xuño

Solsticio de verán. A arqueoastronomía é unha disciplina da que xa se ten falado moito, e en distintas ocasións, en Dombate: esa relación, pois, da arqueoloxía coa astronomía. Téñense feito xornadas sobre o solsticio de inverno e, neste mes de xuño, tamén se terá moi presente o solsticio de verán. Como dixo o guía Ángel Eiroa nunha ocasión, nos dolmens, o sol ten relación coa vida, aínda que tamén coa morte. Neste caso, e aínda que sexa noutro aspecto, apostarase pola vida. Serán os nenos da escola A Casa dos Títeres os que poidan gozar, na xornada do 21 de xuño, dunha contada moi especial, prevista para as 11.00 da mañá. Falta nada, entón, para que en Cabana comece a xirar a actividade. Veñen meses intensos no municipio bergantiñán. 

Xullo

Do día 6 ao 13 de xullo

Intercambio xuvenil. Cabana e Treize-Septiers, en Francia, son localidades irmás. Do 6 ao 13 de xullo farase unha viaxe de intercambio (Programa Erasmus e Xuventude en Acción). Boa parte dos detalles xa están preparados.

Domingo 10 de xullo

Festa Africana. Será na Praza de Neaño, a partir das 20.00 horas. Actuará o grupo musical da oenegé Égueire, que xa ten un bo número de fans na comarca. Isto complementarase cunha ruta de pinchos polos bares (mediodía e noite) e, tamén, con rutas en tren turístico.

15, 16 e 17 de xullo (venres, sábado e domingo)

Simposio Internacional de Cantería Dolmen de Dombate. Xornadas de análise e afondamento nunha materia na que a comarca de Bergantiños tivo e ten moito que dicir.

17 de xullo (Domingo)

Foliada no Campo do Briño. En Borneiro. Organiza a asociación cultural Festas de Borneiro e colabora o Concello. Unha xornada de xuntanza tradicional e encontro.

18 de xullo (Luns)

Noite e Día, Cabana é unha romaría: Romaría do Carme do Briño. Borneiro. Coa Banda Eduardo Pondal e máis.

23 de xullo (Sábado)

Noite e Día, Cabana é unha romaría: Romaría de Santa Mariña do Remuíño. Corcoesto. Animación coa Banda Inllar.

25 de xullo (Luns)

Primeira Foliada Farrapeiro no Campo de San Fins do Castro. A partir das 14.00. Organiza a asociación Os Farrapos e colabora o Concello. Música e tempo de unión e entretemento.

29 de xullo (Venres)

Cine de verán. No local social de Neaño, ás 22.00 horas.

31 de xullo (Domingo)

Castro Animado. O castro A Cidá de Borneiro encherase de vida neste día: «A Cidade do Circo». A partir das 17.00 horas. Xuntanza cos veciños doutros castros cabaneses, gala de circo, artesanía, animación teatral, gastronomía, música...

Agosto

Luns 1 de agosto

Romaría de San Fins do Castro. Festa de Interese Turístico. É unha das máis esperadas cada verán na Costa da Morte. Xuntanza en torno ás merendas e á boa música, do cal se encargarán a Banda Eduardo Pondal de Ponteceso, Os Farrapos, O Son do Castro e O Tren da Unha.

Domingo 7 de agosto

Clases maxistrais en Dombate. En Dombate e no Centro Arqueolóxico teñen cabida artes diversas. O domingo 7 de agosto acollerá clases maxistrais do violinista Galen Fraser (fillo do tamén violinista Alasdair Fraser, intérprete de música celta) e o guitarrista-cantante Colin Cotter.

Xoves 11 de agosto

Ruta das Estrelas. Toda unha tradición xa en Cabana de Bergantiños. Guiará a ruta polos montes de Borneiro, de novo, o físico baiés Jorge Mira. Saída ás 22.00 horas do aparcadoiro do Dolmen de Dombate. Participación libre.

Sábado 13 de agosto

Tarde-Noite no Medievo (Riobó). A partir das 16.00 horas. Outra cita que xa ten un público moi fiel que a agarda ano tras ano. Prevoda medieval, artesanía, gastronomía, cabalos, inchables, unha zanqueira... Por suposto, con moita animación musical. Organiza o Concello e colabora a asociación de veciños de Riobó. Aqueles mozos casadeiros, por tanto, xa poden ir fixando a data.

Venres 19 de agosto

Cine de verán. No local social de Anos, a partir das 22.00 horas. Colabora a asociación de veciños da localidade.

Sábado 20 e domingo 21 de agosto

Roteiro do Padre Sarmiento por Canduas. Dúas xornadas para o coñecemento a pé, mais tamén complementada cunha ruta de pinchos polos bares de Canduas, tanto polo día como pola noite. A maiores, rutas en tren.

Sábado 27 de agosto

Mexilloada e Festa Infantil. Unha xornada para o deleite culinario e máis para o entretemento dos máis novos. Todo, a partir das 17.00 horas. Organiza a asociación Festas do Carme de Canduas e colabora o Concello de Cabana.

Setembro

7, 14, 21 e 28 de setembro

Primeiro Simposio Dolmen de Dombate. O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate estase a revelar como un lugar propicio e estratéxico para a celebración de congresos e simposios. Viuse no caso do Congreso Literario Río Anllóns e Dolmen de Dombate, no mes de marzo, coa asistencia de moitos creadores da palabra que, ademais de compartir experiencias, tamén encontraron ideas por estas terras. No mes de setembro, pois, terá lugar no mesmo lugar a primeira edición do Simposio Dolmen de Dombate, dirixido fundamentalmente a docentes. Serán catro xornadas para análise repartidas ao longo do mes: os mércores 7, 14, 21 e 28. Trátase dunha actividade certificada con 16 horas polo Centro de Formación e Recursos da Coruña na que tamén colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Poderán descubrir os segredos de Dombate e tomar o megálito como fonte de inspiración literaria ou musical. Haberá ademais obradoiros e abordarse o moito que gardou e garda o chan de Borneiro.

Visitas guiadas ao dolmen

De xullo a setembro. De luns a domingo. O dolmen de Dombate, a catedral do megalitismo de Galicia, é xa un dos puntos de referencia para o turismo que chega á Costa da Morte. Pódese coñecer por libre todos os días (dado que hai servizo de vixilancia), pero, a maiores, nos meses de xullo, agosto e setembro, haberá oportunidade de gozar con visitas guiadas. Están previstas, de luns a domingo, no seguinte horario: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Xullo e agosto. Visitas guiadas nocturnas os venres. Coa colaboración da Deputación ?o dolmen é patrimonio provincial?, xa se veñen levando a cabo dende hai uns veráns. Así, aqueles que queiran tamén poderán coñecer o dolmen pola noite: os venres, de 23.00 a 24.00, en xullo e agosto. Inscrición previa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cabana fará xirar o mundo no verán