Sede moito mellor ca nós

Xosé M. Varela A VOZ AUTORIZADA

CARBALLO

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:30 h.

o discurso de graduación, Miguel, un brillante alumno de segundo de Bacharelato lía: «Lembro que empezamos o curso dicindo que iamos beber un chupito, de Coca-Cola, por cada vez que dixeran a palabra selectividade, pero o primeiro día xa nos decatamos de que non había existencias de Coca-Cola dabondo no mundo para tal reto».

Queda clara cal é a encaixada vida académica do alumnado de segundo de bacharelato, todo en torno a selectividade. Non nos poderemos imaxinar a paranoia cando sexa obrigatorio aprobar para titular. E isto mesmo para os de cuarto da ESO, os de sexto de primaria e aínda ós de terceiro, coas respectivas salvedades, pero cunha filosofía semellante. Non subscribo.

E logo seguía: «É que parece que o único que importa é a estupidez esa das saídas profesionais. Dereito, Mediciña ou algunha enxeñería, pero non se che ocorra dicir que prefires Belas Artes, Filosofía ou Filoloxía, porque iso significa automaticamente que vas pasar toda a túa vida no paro, como se os postos de traballo non foran para os mellores e como se os mellores non foran os que de verdade senten paixón polo que fan». Subscribo.

NAos que afrontades a inevitábel selectividade animarvos a que mirades dentro de vós e vos dirixades a reforzar o que realmente sodes, pois nesa convicción seredes os que máis resistades as eventualidades que aparezan e seguramente tamén máis felices. Aproveitade a formación que se vos ofreza con agradecemento e a quen vola ofreza, sen deixar de ser respectuosamente esixentes.

E, por favor, deixádenos mal e sede moito mellor ca nós.