«Síntome orgulloso de continuar dalgún xeito a tradición de Pondal»

V. COUTO, F. RODRÍGUEZ, P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

Di lembrar con cariño algúsn dos seus primeiros concertos en Galicia, organizados por estas terras

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa xira de actuacións e viaxes, dende Escocia, o vigués Carlos Núñez fixo unha parada para reflexionar sobre o que significa para el este recoñecemento como Bo e Xeneroso: «Estou moi agradecido polo premio concedido pola Fundación Eduardo Pondal», afirma. «Lembro con moito cariño algúns dos meus primeiros concertos en Galicia organizados por eles. Ogallá o poidamos repetir algún día», engade. Núñez di sentirse «orgulloso de continuar dalgún xeito a tradición de Pondal e dos nosos devanceiros. Temos unha inmensa sorte de pertencer a esa irmandade dos celtas». Esas raíces [celtas] están na súa música, na súa vida: «Se no século XIX o celta inspirou especialmente á literatura, hoxe en día é a música a que lidera todo este movemento. A Música Celta é unha marca de prestixio internacional cunha traxectoria moito máis ampla que a que ás veces imaxinamos, probablemente a de máis éxito dende hai decenios para exportar a nosa cultura». É por iso que tamén ten unha mensaxe para os que veñen, para as novas xeracións: «Animaría aos nosos xóvenes músicos e músicas, que teñen un inmenso talento pero que teñen tamén moitas dificultades en saír adiante, a que retomen a Música Celta. Poucos xéneros hai tan abertos. Ofrécenos innumerables posibilidades artísticas e permítenos estar no mundo sen renunciar a quen somos». Xa pasaron anos dende aquelas Festiletras do 1995 nas que Núñez actuou no Couto co grupo Matto Congrio. Era unha das primeiras veces. ¡E todo o que veu dende entón!