«Á miña idade, estas cousas saben doutra maneira, son como abrazos»

La Voz

CARBALLO

A escritora Fina Casalderrey recoñécese emocionada co Premio da Fundación

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A pontevedresa Fina Casalderrey está emocionada con este galardón de Boa e Xenerosa: «Á miña idade, estas cousas saben doutra maneira, son como abrazos, como agarimos». Así o expresou en Radio Voz Bergantiños, leda tamén por quen comparte este ano galardón: «É xente que admiro». Fala de Isabel, de Rabuñal e de Carlos Núñez, mais lembra a todos aqueles que viñeron recollendo este premio: «Alégrame estar ao lado desa xente coa que me sinto tan a gusto». Por citar exemplos, Neira Vilas, Bernardino Graña, Avelino Pousa -na casa de quen viviu un tempo-, Fernández del Riego, Alonso Montero -«un sabio que conserva a frescura coma se tivese vinte anos»-, Víctor Freixanes, Uxía Blanco, Dolores Villavedra, Margarita Ledo «e un sinfín de xente máis». Asume que iso de que a cataloguen como boa e xenerosa lle obrigará a selo máis aínda a partir de agora, a seguir escoitando a voz dos que a rodean, a voz en galego. Xa dende o 1999, ano do que data a placa que a homenaxea no Couto, sabe do cariño desta aldea e tamén da lareira morna que hai na sede da Fundación Pondal: «Esa lareira na que aínda lle seguen contando historias aos nenos. Penso que non hai tecnoloxía máis sofisticada que a voz humana contándonos algo con ganas e dende o afecto». Asegura que o pracer máis grande para calquera escritor ou escritora é que haxa un lector detrás, alguén que lembre unha historia, que garde ese pouso. Dende o 95 non volveu presentarse a ningún premio: todos os que lle foron chegando son deste tipo, chegados do cariño, sen buscalos. «Nun sitio aparentemente tan pequeno e o que logran... É impresionante e de loar o que fai esta xente», di sobre as entidades do Couto.