Calendario

X. Amancio Liñares O FIADEIRO

CARBALLO

26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

U n almanaque escolar do ano 2016 dedicado á emigración e inmigración xalleiras. Idea, deseño e contidos do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro educativo CEIP Barrié de la Maza (Santa Comba).

Ollamos os textos sinxelos do alumnado de educación primaria, que lles fan compaña ás 31 fotografías achegadas dende os arquivos familiares, coas imaxes dos pais, avós e ata bisavós expatriados en América -Brasil, Arxentina, Venezuela, principalmente- e en Europa, con moita Suíza, Alemaña, Holanda, entre outros países.

Tamén hai testemuños de quen chegaron aquí dende o Sahara ou da República Dominicana, en datas máis próximas. Todo aberto con versos rosalianos e baixo o título de Cunqueiro, «Xente de aquí e de acolá».

Este calendario de parede mesmo mantén unhas proporcións ben reais: moita máis emigración que inmigración, dominio das imaxes a cor ó mudaren as rutas da diáspora do continente americano á Europa industrial, a partir dos finais dos anos cincuenta.

Por iso na percepción e na escolma destes nenos e nenas pesan xa máis as vivencias dos avós ou dos proxenitores en cidades europeas cás dos devanceiros máis afastados, coas súas estadías en Río de Xaneiro, Bos Aires, A Habana, Montevideo ou Caracas, na primeira parte do século vinte.

Non se trata nesta ocasión dun calendario feito por un colectivo profesional, lucindo corpos modelados polas dietas, o ximnasio ou o deporte. Son os propios estudantes e docentes do colexio público de primaria xalleiro, buscando memoria e visibilizando o feito migratorio na comarca e nas súas vidas. E é unha idea pedagóxica ben plausible dende logo.