De cultos e analfabetos

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

08 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Contaba hai uns días o ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño, máximo experto no Esteiro do Anllóns e a Ensenada da Ínsua, que entende a ornitoloxía como vía de coñecemento. Xosé Manuel Penas Patiño, outro especialista da súa rama, co que ademais comparte apelido, engadía que o de observar e documentar aves é «un vicio» que colles para toda a vida. Permite, ademais de facer amigos, acostumarse a abrir os oídos, desenvolver os sentidos. O outro día, camiñando polo paseo de Cabana con fermosas vistas á desembocadura do Anllóns, boteinos de menos aos dous. Polo oído entraban píos e o cerebro xa non andaba acostumado a eles. Podía ter botado alí a tarde que non conseguiría identificar nin aves nin paxaros. Pensei que, se non lle poñemos remedio, ás xeracións dos iPhone xa non nos quedará outra que andar co teléfono, patéticos e atordados, intentando que o animal chíe polo micrófono para que algunha intelixente aplicación nos diga que bicho é. Penoso, ¿non cren? Daquela lembrei tamén o último pregón de Xosé Neira Vilas nas Festiletras do Couto: «Cultura é, por exemplo, saber en que fase da lúa convén cortar un piñeiro para que a madeira dure máis. Cultura é coñecer as herbas que serven para curar cada doenza. Cultura é saber traballar o liño, cociñar o pan, podar e atar as vides. Cultura é toda a labranza, coidado e recolleita dos froitos (....). Cultura é facer un loro, afiar unha gadaña, armar un garamelo para defenderse do raposo (...). Cultura é o toque das campás, que o mesmo anuncian morte, cabodano, incendio ou festa (...). Non hai por tanto home máis culto que o labrego. Xa o dicía Antonio Machado en Segovia: ¡Qué cultos son estos analfabetos!». Por máis que presumamos de cousas, ¡canto nos conviría hoxe ser labregos!