«Visitei todos os espazos de Francia onde estivo Valle na Guerra Mundial»

Traballa nunha edición crítica dos textos do escritor «no contexto en que naceron»


Santiago / La Voz

«O 2016 é un ano moi significativo para as persoas interesadas en Valle-Inclán: é o 80 aniversario da morte, o centenario da edición de La lámpara maravillosa e da viaxe que realizou a Francia no tempo da primeira Guerra Mundial; e desde o 28 de outubro, o 150 aniversario do seu nacemento», afirma Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán da USC. Dun deses acontecementos, a presenza do escritor na Guerra Mundial, falou onte, na tribuna do Ateneo.

«Valle viaxou como correspondente de guerra, convidado polo Goberno de Francia para visitar as trincheiras do Exército aliado. Estivo entre o 27 de abril e o 29 de xuño, na primeira liña, na zona dos Vosgos, entre Alsacia e Lorena. Tamén visitou outros lugares, como Reims, unha cidade moi emblemática pola súa catedral gótica ou porque foi onde se consagraron os reis de Francia, e moi castigada nesa Guerra», di.

As impresións e as experiencias de semellante viaxe están recollidas nun pequeno caderno, que forma parte do legado da familia Valle-Inclán e Alsina conservado na USC. «A biblioteca da Cátedra Valle-Inclán vai publicar unha edición facsimilar dese caderno, da que estou corrixindo probas», avanza.

Valle tiña como misión «publicar unhas crónicas da guerra no xornal El Imparcial; e un libro, que é La medianoche. Visión estelar de un momento de guerra, editado en 1917. Hai moita diferenza neses traballos: o caderno son notas privadas, íntimas, persoais, espontáneas, feitas in situ; e La medianoche é unha obra moi elaborada, que pretende dar unha visión da totalidade da guerra en 12 horas. Nunha condensación de tempo e multiplicación de espazos e personaxes, relata simultaneamente o que pasa na vangarda, na retagarda e nos diferentes puntos dunha liña que marcan as trincheiras; como se vise a guerra desde unha estrela. É un dos seus textos máis innovadores, como si puidese ver toda a guerra en simultaneidade».

En maio de 2014 «visitei todos eses espazos de Francia onde estivo Valle-Inclán, citados no caderno. É un itinerario precioso e moi interesante. A única diferenza foi que el partía desde París para cada expedición, e eu non fixen así». Estudou documentos xornalísticos, e outros materiais, que testemuñan aquela presenza, e como foi moi honrado, ou mesmo participou en actos como a homenaxe a Rubén Darío organizada pola Universidade da Sorbona», afirma.

Margarita Santos informa que a Cátedra Valle-Inclán ten perfilada a conmemoración do 150 aniversario de Valle, con edicións e programación teatral «aínda que estamos pendentes de fechar todo coa USC e coa Xunta».

Así, publicarán a edición crítica da obra completa, en cinco volumes, na editora Castro, de Madrid: «Aí está toda a produción publicada por Valle, excepto a xornalística. Partimos das primeiras edicións dos textos do escritor, no contexto en que naceron, o que permite coñecer a evolución do escritor no tempo. Xa entregamos tres volumes de narrativa e un de teatro, máis de 2.300 páxinas; e haberá outro, con máis teatro e a poesía».

E ultiman «outra edición máis de divulgación, para Alianza, baseada nas últimas edicións. Na biblioteca da Cátedra tamén temos programada a edición dunha obra inédita, Las mujeres de Sálvora, sobre o naufraxio nesa illa en 1921. Esta é unha obra que procede do legado que garda a USC, que nunca esquecemos», sinala.

Edicións e teatro. No 150 aniversario do nacemento de Valle, o grupo da Cátedra da USC publicará edicións da obra do escritor e destacará a súa produción para teatro.

Base de datos. Tamén prevén difundir a base de datos sobre o autor: unhas 80.000 imaxes, acumuladas en dúas décadas de traballo.

Por Margarita Santos Zas Directora da Cátedra Valle-Inclán da USC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Visitei todos os espazos de Francia onde estivo Valle na Guerra Mundial»