Calquera nova proposta suscita dúbidas entre a xente, e sempre é difícil mudar condutas e ideas tradicionais. O mesmo acontece na área de influencia do Pindo. «Estamos plenamente convencidos de que a mellor maneira de salvagardar, poñer en valor, protexer e atopar condicións vantaxosas para a poboación é a declaración do noso monte coma parque natural. Ningún dos propietarios de parcelas se vería prexudicado, non cambiaría case nada para os usuarios desta paraxe, e, pola contra, disporíanse de medios para evitar o abandono e o inmobilismo en que agora se atopa», manifesta. O presidente lamenta que non foran quen de convencer a toda a veciñanza das vantaxes que suporía a declaración do Pindo como parque natural, cando el entende que todo sería beneficioso para o monte e tamén para os residentes na zona. «Nós somos inclusivos, queremos que a veciñanza se informe, non queremos imposicións, e menos que este tema se converta nunha refrega política. Monte Pindo é de todos, coido que non xa soamente dos veciños de Carnota, e por iso gustaríame que cada quen, á marxe de ideas ou pretensións, arrime o ombro e entre todos atopemos a mellor solución para esta inigualable paisaxe», asegura.
A consecución de calquera obxectivo implica sempre dificultades. Neste caso concreto, Xilberto Caamaño non é alleo a elas, aínda que segue a afirmar: «A miña ilusión non remata coa consecución da distinción de parque natural para o Pindo. Eu, e tamén a asociación que presido, quixéramos formar parte do órgano que xestione esa entidade, para así seguir loitando por melloras para o meu pobo. Estas non só afectarán ao monte. Turismo, emprego e desenrolo económico irán da man da catalogación do Pindo como parque natural».