O cuarteto levará o sábado a Baio as súas desenfadadas e retranqueiras versións de éxitos do pop internacional
26 dic 2015 . Actualizado a las 00:56 h.Unha divertida versión do Gangnam Style abriu as portas da escena musical a De Vacas, un proxecto no que Paula Romero, Faia Díaz e Inés Salvado -coa axuda á guitarra de Guillerme Fernández- reinterpretan en clave galega e cunhas pingas de retranca éxitos do pop internacional. Hoxe actuarán en Baio (carpa da praza, 21.00) nunha velada na que tamén participará Oîma.
-¿Que se atopará o público?
-Cancións comerciais que soaron na radio na nosa adolescencia e temas actuais, como o Gangnam Style ou Ai se eu te pego, cun toque persoal e humorístico, como cambiar a letra, levándoas ao galego, ao noso terreo con moita sorna, sarcasmo e un pouco de gamberreo.
-¿Como elixen os temas?
-É unha cuestión laboriosa porque ao coller cancións comerciais ao principio é difícil atopar unha esencia musical interesante. Pero non é difícil no sentido de que temos unha conexión entre nós que fai que esteamos de acordo. Elixir a canción é doado, o difícil é sacarlle o zume, iso é o que leva máis tempo.
-¿Como foi probar por primeira vez a reacción do público ante unha proposta tan orixinal?
-Era unha incertidume absoluta porque facíanos graza a nós, faciámolo para nós, pero cando decidimos presentalo ao público tiñamos moitas dúbidas. De feito, o primeiro que presentamos foi o videoclip, un pouco para ver a resposta nas Redes, que é algo así como máis distante. Pero tivo boa aceptación, fíxose un pouco viral e iso deunos confianza porque viamos que soaba ben e que a xente o pasaba ben.
-Comezaron un pouco como unha ?gamberrada?, pero parece que van en serio.
-[Ri] Eu creo que segue sendo gamberrada, e iso é algo que non queremos perder. A parte seria é que esixe máis traballo, chámannos máis e temos encargos diferentes, o que supón tamén máis responsabilidade e máis compromiso, pero o gamberreo está aí.
-¿Facía falta un proxecto así para romper un pouco a seriedade?
-Hai de todo, pero nós estamos nun punto moi bonito que é o de conectar coa música adolescente, que é un sector un pouco esquecido na música galega.