Acosado polo «Gordo» de Nadal

La Voz FÓRA DE COBERTURA

CARBALLO

MATALOBOS

21 dic 2015 . Actualizado a las 00:22 h.

Houbo un tempo no que o premio gordo da Lotaría de Nadal andaba detrás de min. Sei que pode semellar unha tolemia, pero é tal e como o escribo. Todo comezou o 22 de decembro de 2003. O redactor xefe mandárame unha mensaxe con moita retranca uns días antes:

-Vilar, o luns estás de garda por se toca o gordo nos teus concellos.

Si, home, si. Os municipios que me correspondían informativamente eran daquela Ordes, Tordoia, Trazo e Frades, é dicir: un algo máis de 490 quilómetros cadrados de terra e un algo menos de 23 mil veciños. ¿Que era iso fronte a máis de 500 mil quilómetros cadrados e a 42 millóns de persoas? Nada. Unha agulla nun palleiro. Podía aproveitar o domingo para trasnoitar e durmir ben tranquilo.

Niso andaba cando bruou o teléfono. Tiven a tentación de non coller.

-Siiiii?

-Tírate da cama e vai cara ao Mesón do Vento que acaba de tocar a lotaría.

-¿Eeeeh?

Non dou tempo a máis preguntas, xa cortara a comunicación. Os xefes tenden á economía lingüística. Collín o coche e púxenme en camiño. Unha sucursal bancaria repartira 200 décimos do gordo. E alí estaba eu na entrada da oficina coma un mazaroco, que diría miña nai, abrigado ata as orellas e vendo como entraban e saían os primeiros afortunados. Ninguén quería falar.

Pasado un anaco, un señor de mediana idade aceptou conversar comigo. Tirou de todos os tópicos: isto é para tapar buratos, non é para retirarse, logo se come... Axiña se achegou outro, igual de circunspecto, que confesou ter dous décimos. Era tanta a apatía que cando veu o fotógrafo tivemos que mercar unha botella de cava nun ultramarinos e implorar para que alguén se prestase a algo parecido a unha celebración. Á mesma hora, en Rianxo, onde tamén tocara a lotaría, xa empezaban a andar algúns de gateñas.

Marchaba para escribir a crónica cando un dos presentes dixo de tomar un café. Comenteille que me sorprendía moitísimo que a xente tomase como cotián algo tan extraordinario.

-A ver, aquí somos máis reservados. Non nos gusta exteriorizar os sentimentos. Ademais, cos dous únicos que falaches son prexubilados da central térmica, a eses xa lles tocou a lotaría hai algúns anos.

Ao ano seguinte, o traballo xornalístico levoume para as terras do Deza. Na redacción de Lalín decidiuse que só unha persoa quedase de garda o día da lotaría. Eu sería o reserva por se era preciso botar unha man. E foi preciso. Para pasmo xeral, o segundo premio caeu en Silleda, un municipio que me tocaba cubrir habitualmente. Non hai dúas sen tres. No 2007, xa en Compostela, o gordo deixou tamén a súa tarxeta de visita. A administración máis próxima ao meu centro de traballo, a escasos douscentos metros, repartiu varios décimos soltos do número premiado.

Sobra dicir que, a pesar de andarme ao rabo, o Gordo non me chegou a abrazar. Pero tanto acoso xa me poñía nervioso. Os únicos ilusionados coa persecución eran a familia e os amigos. Comecei a ter un traballo a maiores: comprarlles décimos que me encargaban polo Nadal. O asunto xa rozou o paranormal cando un parente me pediu se lle deixaba pasar un décimo polo lombo.

Aquela febre lembroume as peripecias dun señor que coñecín hai moitos anos e que no Nadal vendía lotaría pola zona. Coa historia de que os seus décimos viñan de Barcelona, aquel home, de tan bo corazón como trapalleiro, despachaba unha chea de participacións. Vinte pesos a esta viúva, sete mil pesetas a este empresario e así segundo demanda. Todo marchaba ben ata que deixou de facelo. A fortuna aparece cando un non quere. Tocou a pedrea. Do improvisado loteiro non se volveu saber. Vendera moitas máis participacións que décimos.