Non se trata de culpables, senón de afrontar as solucións

David G. Brandariz A OPINIÓN DO EXPERTO

CARBALLO

03 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aevolución da sociedade na que nos toca vivir ten como principal consecuencia un máis que preocupante aumento da contaminación a tódolos niveis. Océanos, ríos, solos e medio aéreo sofren os impactos das actividades humanas o que ocasiona unha alteración negativa do seu estado natural producindo importantes danos tanto nos ecosistemas naturais, comprometendo a súa viabilidade no futuro.

No caso dos ríos, podemos afirmar que tradicionalmente funcionan como auténticos sumidoiros onde acaban moitos dos contaminantes potencialmente máis perigosos: emisarios de distintas industrias e de augas residuais urbanas sen depurar, escorrentías de terras de labradío e gandería así como a chuvia ácida por citar algúns dos máis destacados exemplos, soen rematar ben directa ou indirectamente nas cuncas fluviais, algunhas modificadas e alteradas de xeito importante.

Si analizamos a situación na nosa comunidade, á que Álvaro Cunqueiro definiu como terra dos dez mil ríos pola súa riqueza e singularidade, a situación non é tan preocupante como á que ocorre noutras partes da península, a pesar de que hai focos puntuais con índices de polución elevados (Ría de O Burgo, Ferrol e Pontevedra).

Contaminación orgánica e eutrofización das augas, biocidas, deterxentes e demais contaminantes inorgánicos son os principias problemas que presentan os nosos ríos, o que supón un importante deterioro tanto dos ecosistemas coma da flora e fauna que forma parte dos mesmos, o que irremediablemente se traduce nunha perda de biodiversidade.

Como primeira prioridade debemos tratar de mellorar a calidade das augas dos canles. Puríns, vertidos de augas fecais, deterxentes, pesticidas, depuradoras que non funcionan? contaminan de tal xeito as augas fluviais que fan practicamente imposible en moitos casos a supervivencia da fauna. Neste sentido son as administración públicas as que deben dar un paso ao fronte e tratar de buscar unha solución a través dunha normativa restritiva acorde cos tempos que nos toca vivir.

Compre polo tanto tomar medidas que involucren a tódolos axentes implicados, se queremos conservar a nosa riqueza natural, e deste xeito garantir a sustentabilidade dos ecosistemas e da natureza en xeral.

Non se tratar de buscar culpables, senón de afrontar entre todos o problema e tratar de acadar unha solución sostible. Concienciación e compromiso social, implicación real dos gobernos e administracións e sobre todo educación ambiental das novas xeracións son fundamentais para recuperar a saúde do medio ambiente en xeral e dos nosos ríos en particular.