«A unión é fundamental tanto para as abellas como para os abelleiros»

Os apicultores reclaman da Xunta maior coordinación contra a velutina


Carballo / La Voz

Xesús Asorey (Vila de Cruces, 1952) é secretario xeral técnico e socio fundador número un de AGA (Asociación Galega de Apicultores) hai 35 anos.

-¿Por que crearon a asociación?

-O máis distintivo das abellas é que viven formando sociedades e grazas a iso sobreviviron. Desapareceron os dinosaurios, pero elas levan entre nós 80 millóns de anos. Grazas ao seu sistema organizativo foron capaces de saltarse tódalas calamidades. Tamén vin que polo mundo adiante había unhas grandes asociacións de apicultores en países como Suíza, Francia ou Eslovenia, onde estivemos este ano. Alí non se lle ocorre a un apicultor non estar asociado. A unión é fundamental, tanto para as abellas como para os abelleiros.

-¿Por que para os abelleiros, xa que en realidade parece unha afección ou un traballo un tanto solitario?

-Claro, claro. Aínda que nos queren meter sempre os organismos oficiais como gandeiros, porque nos consideran produtores de mel, de polen e etcétera. Aquí hai abelleiros que teñen desde unha colmea ata 5.000, por exemplo. Hai unha maraña moi ampla de intereses. Que teñan máis de 150 colmeas hai en Galicia só 100 dos 3.500. Non hai interese comercial senón que é xente instruída, que sabe que o traballo principal das abellas é a polinización, polo que fan un ben social. Grazas a elas temos biodiversidade, distintas flores e cores nos nosos campos, influímos na paisaxe. Sen as abellas non existirían moitas froitas e hortalizas. Nós somos uns observadores privilexiados, as nosas abellas dinnos que o cambio climático é potentísimo. Están cambiando os seus costumes a unha velocidade enorme, sobre todo nos dez últimos anos.

-A apicultura semella unha actividade relaxante, pero vostedes parecen ser moi apaixonados.

-Os apicultores somos moi, moi apaixonados e falamos das colmeas e dos seus produtos marabillas, pero chegan agora certas calamidades e a xente alporízase moito. Aquí o animal mediático por excelencia era o oso, cando vai a colmea para comer o mel aparecía en tódolos xornais e televisións, pero agora veu a vespa velutina a pasou a un segundo plano. Nós observamos que é un problema en Galicia, pero tamén mundial, porque non se sabe se é polo cambio climático ou non, pero o que si sabemos é que hai moitas máis nespras das que había. Os asiáticos tamén están moi mosqueados. Os apicultores en vez de relaxarse están moi alporizados. Consideramos que a Consellería do Medio Rural é a que ten que coordinar. Agora hai cartos, pero cada un vai polo seu lado. O resultado é que non avanzamos e a nespra si.

-¿E os abelleiros fan o que poden? ¿Séntense realmente ameazados?

-Impotentes, diría eu. Realmente hai un problema de seguridade cidadá, pero os abelleiros non están máis expostos ca os demais. Houbo hospitalizados e mesmo un morto, aínda que era unha persoa alérxica. Nós xa temos advertido á Xunta de que pode haber casos graves porque a xente vai cortar madeira ou recoller froita e se non ves o niño elas son moitas, saen disparadas e iso pode acabar moi mal. Os abelleiros fundamentalmente defendemos as nosas abellas, porque vemos que o ataque é tremendo.

-¿Por que tolean os abelleiros cando ven iso?

-Hai moitos xubilados que nunca ao tenis xogaran, que nunca tiveran unha raqueta na man e van para o apiario e andan a golpes coas nespras.

-Daquela hai unha loita corpo a corpo pola defensa das abellas.

-Isto futuro non ten. Haberá que combater con outras armas. Sería moi interesante ter unha feromona específica para meter nas trampas e na primavera capturar ás raíñas para que non fagan niños. Será a clave. As nosas Universidades terían que facer algo no tema. Hai proxectos futuristas que nós sabemos que son posibles porque hai a tecnoloxía, pero non hai a suficiente masa crítica. Non hai negocio de abondo para que o fagan as empresas. Á Administración dicímoslle que hai que facer un plan de vixilancia e de investigación.

xesús asorey martínez secretario xeral técnico de aga

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A unión é fundamental tanto para as abellas como para os abelleiros»