«Esperemos que toda a ilusión que se xerou se manteña agora»

Á. Palmou

CARBALLO

A nova directiva da entidade baiesa debate estes días as súas liñas de acción

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece Olga Mouro Ares (Santa Comba, 1978) que nunca pensou en chegar a presidir a asociación cultural Adro e que durante toda a semana pasada temeu pola supervivencia dunha entidade que no pasado xa presidira o seu marido, Miguel Santos. Tal vez por todo ilo o sábado, cando a velada festiva e reivindicativa organizada para evitar a desaparición da veterana asociación comezaba a tocar ao seu fin, decidiu dar un paso adiante e converterse na nova presidenta. Xalleira de nacemento, pero baiesa de adopción, xa comezou a dar os primeiros pasos na súa nova responsabilidade rodeándose dun amplo equipo de colaboradores.

-¿Como están sendo estes inicios de presidencia?

-De momento estamos empezando ben, con moitos colaboradores e moita xente propoñendo ideas. Xa tivemos onte [polo luns] a primeira reunión.

-Que ao parecer foi moi longa.

-Si, bastante. Estivemos ata bastante tarde e aínda imos ter máis reunións esta semana porque temos un pouco de urxencia en organizar os cursos, vénsenos o tempo enriba.

-Pasouse de estar a piques de desaparecer a presentarse moita xente para axudar.

-Así é; a ver agora como funciona porque ao mellor tamén resulta difícil coordinar tanta xente, pero imos contando con eles e iso xa é bo.

-¿Xa tomaron algunha decisión sobre o debate que se xerou en días pasados sobre manter as actividades de Adro ou centrarse só no apartado formativo e cultural?

-Estamos aínda valorando, na xuntanza estivemos mirando tamén algunhas ideas novas e tamén nos reunimos coa directiva anterior para saber o que se estaba facendo e para que nos informaran sobre como están as cousas, porque empezar sen datos pode resultar complicado. Agora temos que valorar aínda se imos ir por unha vía ou por outra, que é o que imos facer esta semana.

-¿Como foi ese momento do acto do sábado no que decide dar un paso adiante e acaba convertida en presidenta?

-O momento foi ao final de todo, cando xa todo o mundo saíra e estaba a xente de anteriores directivas loitando por algo que se vía que se ía acabar. Ese foi o momento, ou agora ou nunca pensei.

-¿Cando decidiu acudir á convocatoria do sábado pensou nalgún momento que acabaría saíndo como presidenta?

-Non, para nada. Eu ía como socia nada máis, pero estaba convencida de que non ía aparecer ninguén para o posto.

-¿En que medida influíu a mobilización da xente e ver o agarimo que lle ten Baio a Adro?

-Iso foi moi importante e algo que te axuda a dar o paso adiante, porque se a xente non aparece sería imposible porque unha persoa soa non pode encamiñar isto. Esperemos que toda esta ilusión que se xerou se manteña e que isto non volva a pasar en anos sucesivos. Para iso temos que implicar a xente nova.